Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta declara área de rehabilitación ao Celeiriño para arranxar as vivendas

Nota de prensa:
A DECLARACIÓN DUNHA ÁREA DE REHABILITACIÓN É A OPCIÓN MÁIS VANTAXOSA PARA ARRANXAR AS VIVENDAS DO BARRIO DO CELEIRIÑO (CELEIRO, VIVEIRO)

O director xeral do IGVS indicou no Parlamento que coa declaración da ARI os veciños recibirían axudas autonómicas e estatais para a rehabilitación das vivendas
O concello tamén podería beneficiarse de ditas axudas para a urbanización e reurbanización do barrio
Corresponde ao concello solicitar a declaración da área de rehabilitación
O director xeral do IGVS tamén indicou que o concello de Viveiro non comunicou á Xunta se presentou ou non a reclamación xudicial contra a empresa causante dos danos, malia que o IGVS solicitou dita información polo menos en cinco ocasións nos últimos doce meses

Santiago, 4 de outubro de 2011.- A declaración dunha área de rehabilitación (ARI) é a vía máis axeitada para proceder á rehabilitación das vivendas e dos espazos públicos do barrio do Celeiriño, na localidade de Celeiro, no concello de Viveiro, segundo indicou hoxe no Parlamento o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Antonio Boné.

Boné dixo que tal posibilidade xa lle foi comunicada aos representantes do concello de Viveiro nas conversas mantidas en 2009 respecto dos problemas existentes no barrio, causados en 2008 polas obras realizadas por unha construtora privada. Naquelas conversas os representantes do IGVS deixaron ben claro que as axudas previstas pola antiga consellería de Vivenda e Solo na declaración de emerxencia de decembro de 2008 eran legalmente inviables.

En dita declaración de emerxencia prevíase a concesión de axudas a través da cédula de rehabilitación de calidade, cando en realidade ditas subvencións estaban dirixidas exclusivamente á rehabilitación no medio rural e en conxuntos históricos, condicións que non cumpre o Celeiriño.

A declaración dunha área de rehabilitación no Celeiriño, como a que xa existe no caso histórico de Viveiro de 1998, permitirá aos veciños do barrio beneficiarse das axudas autonómicas e estatais para a rehabilitación das súas vivendas. Asemade, o propio concello poderá beneficiarse de ditas axudas para a urbanización e reurbanización de espazos públicos no barrio.

Para proceder á declaración da área de rehabilitación do Celeiriño é necesario que o solicite o concello e que a administración municipal elabore o informe preceptivo e a delimitación do ámbito.

Na mesma comparecencia parlamentaria o director xeral do IGVS manifestou que a Xunta de Galicia non ten constancia da presentación, por parte do concello, da rfeclamación xudicial contra a empresa causante dos danos ás vivendas do Celeiriño.

Antonio Boné indicou que a presentación de dita reclamación xudicial é imprescindible para que o IGVS recupere os arredor de 900.000 euros que achegou para solucionar a urxencia das familias cuxas vivendas quedaron inhabitables e que os danos causados correspóndelle satisfacelos a dita empresa e non ao conxunto dos galegos.

O IGVS solicitou en diversas ocasións (outubro, novembro e decembro de 2001 e febreiro de 2011) información do concello de Viveiro sobre a presentación de dita reclamación, sen haber obtido resposta a ningún dos seus escritos.

Malia todo o IGVS continúa aberto a colaborar co concello de Viveiro na solución dos problemas de vivenda dos Veciños do Celeiriño, sempre e cando a solución adoptada se axuste á legalidade e ás liñas de axudas aplicables, que neste caso pasan pola solicitude por parte da administración local da declaración dunha área de rehabilitación, que é a opción máis vantaxosa para os afectados.

Exit mobile version