Site icon Crónica3.com A Mariña

Afirma o PSOE de Cervo que o alcalde puido evitar a sanción se fixese caso á Xunta e á Deputación cando o alertaron das irregularidades

Nota de prensa:
VILLARES PUIDO EVITAR A SANCIÓN A FINAIS DE 2010 PERO FIXO CASO OMISO Á XUNTA E Á DEPUTACIÓN CANDO O ALERTARON DAS IRREGULARIDADES

-O alcalde foi avisado da mala colocación dos postes nos meses de outubro, novembro e decembro, “minte cando asegura que ata o 14 de febreiro non tivo coñecemento do asunto”

-A data 1 de marzo cando Villares presenta a primeira alegación, os postes seguían sen retirar, “mostra da súa ineptitude e falta de responsabilidade”

-Lara Méndez lembrou no pleno o suceder dos feitos detallada e cronolóxicamente, Balseiro “quedou sen argumentos e recurriu á demagoxia e persecución política únicamente para defenderse da situación”

CERVO, 14 DE OUTUBRO. O pleno celebrado onte no Concello de Cervo foi unha boa oportunidade para poñer enriba da mesa o porqué da sanción ó Concello por parte da Deputación Provincial. Os socialistas denuncian que “o señor Villares puido ter evitado este problema a finais do pasado ano 2010 e minte ó dicir que o tema lle era totalmente alleo. O alcalde era conocedor da mala colocación dos postes nos últimos meses do ano. Non só o di o GMS senón que o ratifica o titular da delegación de Xestión Territorial da Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia a través dun comunicado enviado ó Concello.

Neste aviso, é a mesma Xunta de Galicia quen asegura que “durante os meses de outubro, novembro e decembro do ano pasado se celebraron diferentes reunións, tanto a pé de obra coma no Concello, nas que se advertiran irregularidades e anomalías na colocación dos famosos postes, pois non se axustaban ós permisos doutras administracións”. Neste senso, “o alcalde de Cervo non pode dicir que o primeiro coñecemento que tivo do asunto foi o 14 de febreiro, porque xa fora avisado moito antes e tiña que ter actuado a finais de ano”.

A pesares de tódalas advertencias, non se preocupou nin o máis mínimo do perigo que supoñía para os veciños e fixo caso omiso a tódolos organismos. Por este motivo, dende o GMS sinalamos que “non é unha sanción ós veciños, como eles intentan reflexar, é unha sanción á actitude do alcalde, por considerarse por riba do ben e do mal e non mostrar a máis mínima vontade de querer solucionar o problema dende o principio. De feito, o señor Villares, despois de ser avisado en varios ocasións continuou sen facer caso, e só se preocupou un pouco máis do tema cando lle chega o expediente sancionador. Preocupación que tampouco foi esaxerada pois, ó mesmo tempo que presenta as alegacións a data 1 de marzo, os postes seguían sen retirar. Actitude que reflexa a ineptitude e a falta de responsabilidade deste rexedor”.

A portavoz do GMS, Lara Méndez, durante o transcurso do pleno fixo unha exposición exhaustiva e detallada do suceder dos feitos cronolóxicamente, argumentos que deron sentido as súas opinións sobre o caso. O señor Balseiro, portavoz do goberno en Cervo, ante as explicacións da voceira socialista, “quedou sen argumentos, e tivo que recurrir ó tema da demagoxia e á persecución política únicamente para defenderse da situación”.

Finalmente, os socialistas engaden que “nós non queremos que o Concello sexa sancionado, todo o contrario, lamentamos profundamente o sucedido, pero esta situación era reversible. O señor Villares foi alertado do tema en varias ocasións e por diferentes administracións pero non lle deu a gana de solucionar o problema. A lei ten que ser igual para todos. O noso alcalde cre que está por riba dela e iso non se pode consentir”.

Exit mobile version