Site icon Crónica3.com A Mariña

Asegura o BNG que na xuntanza do PXOM o alcalde de Burela ofreceu vaguidades e ningunha xestión nova coa Xunta e conformismo e covardía con Fomento

Nota de prensa

VALORACIÓN DA XUNTANZA DA COMISIÓN DE SEGUIMENTO DO PXOM

O venres pasado fomos convocados polo Alcalde para informarnos das súas xestións diante da Xunta e do Ministerio de Fomento polo que respecta ao Plan Xeral de Urbanismo de Burela e, dende o BNG, facemos a seguinte valoración do que alí se nos contou: vaguidades e ningunha xestión nova polo que respecta ao ámbito competencial da Xunta (“non hai nada definitivo, non hai nada pechado”, dixo o Alcalde) e conformismo e covardía política polo que respecta ao Ministerio.

Polo que se refire ás competencias da Xunta de Galiza no que ten que ver co urbanismo de Burela, nada novo nos contou o Alcalde porque, despois da grande afectación que o Plan de Ordenación do Litoral supón para o noso pobo (e que o Partido Popular de Burela aceptou sempre sen rechistarlle á Xunta), agora nos vén vendendo unha serie de melloras na zona de Foxo e do Perdouro que xa foran negociadas polo anterior goberno municipal antes da aprobación definitiva do citado POL. Agora, como o Alcalde recoñecía, o POL non se pode tocar e temos que conformarmos con el. Polo tanto, xestión nova: ningunha.

E polo que se refire ao ámbito de competencias do Ministerio de Fomento, estas van por dous camiños: a afectación para a edificabilidade da variante de Burela e o trazado da Autovía-VAC ao seu paso polo noso pobo. Polo que se refire ao primeiro punto, é unha cuestión que hai que plasmar no desenvolvemento do PXOM para delimitar o solo urbano consolidado e, así, baixar a afectación de 100 a 25 metros con respecto á variante (agora o sr. Alcalde se acordou desta afectación que coarta a edificabilidade de Burela por esa zona pero dende que se construíu a variante nunca nada fixeran mentres gobernaron). Pero isto xa o sabiamos e xa o estabamos reflexando no Plan o anterior goberno municipal, seguindo as orientacións do Ministerio. Hai que lembrar que o PP de Burela non quixo ou non foi capaz de sacar adiante, en 12 anos de goberno municipal, un Plan Xeral de Urbanismo e dende o equipo de goberno municipal anterior fomos capaces de ter elaborado un documento inicial para presentar ás distintas administracións en menos de tres anos. Uns traballamos e outros fan turismo pola Xunta dicindo que traballan.

En canto ao trazado da Autovía-VAC Barreiros-San Cibrao ao seu paso por Burela, o PP resígnase ao trazado proposto polo Ministerio (un trazado que hipoteca para sempre o futuro urbanístico do noso pobo e que foi rexeitado por todos os sectores de Burela, entre eles e de xeito destacado o PP de Burela) e, ante a nosa pregunta de cales son as súas intencións, xa que estamos en época de promesas electorais, sobre o trazado desta estrada en caso de que o PP gañase as eleccións estatais, o PP de Burela deu a calada por resposta polo que moito nos tememos que o Alcalde e o seu equipo de goberno non vaian loitar dentro de seu partido por modificar esta decisión do Ministerio de Fomento. Parece ser que para o PP de Burela o que antes non valía (e así o explicitaban no seu programa electoral: oposición ao trazado plantexado polo Ministerio e aposta polo trazado sur), agora calan e non manteñen a postura unánime do concello no documento do PXOM que están elaborando.

Así pois, en canto ao Ministerio, o PP de Burela confórmase co que hai en canto ao trazado da Autovía: aceptar a proposta actual que nos hipoteca urbanisticamente e “non saben, non contestan” en canto a outras posibilidades futuras.

E isto é todo o que deu de si esta xustanza: nada novo que non soubésemos, ningunha xestión nova e ningunha proposta nova. Pois para este resultado non fai falla ir a ningún lado porque nada novo nos trouxo o Alcalde das súas viaxes polas consellerías e departamentos do Ministerio. Esperemos que as dietas por estes desprazamentos non sexan moi avultadas porque as xestións feitas foron cero.

Exit mobile version