Site icon Crónica3.com A Mariña

Asociacións da Mariña presentan o grupo de comunicación Sermos Galiza na Casa da Cultura de Foz

Presentación do grupo de comunicación “Sermos Galiza”

Venres 21 de Outubro ás 20:30h na Casa da Cultura de Foz

As asociacións culturais da Mariña , integradas na federación “Galiza Cultura”, imos organizar un acto de presentación do proxecto de comunicación “Sermos Galiza” nun acto que se celebrará o Venres 21 de Outubro ás 20:30h na Casa da Cultura de Foz, e na que participarán tres dos promotores do mesmo, o activista cultural Nestor Rego, a escritora Teresa Moure e a crítica literaria Marga Romero.

A ningún se lle escapa a día de hoxe o auténtico ermo mediático que vive o país, particularmente tras a desaparición da Nosa Terra, Galicia Hoxe ou Xornal, o que obriga a unha resposta por parte do conxunto da sociedade, que vaia alén da pataleta, e que nos permita poñer en marcha instrumentos informativos no noso idioma e que se acheguen a realidade desde unha perspectiva galega e alternativa.

Somos conscientes de que compartes con nos a importancia de contar con medios de comunicación propios, a fin de que estes operen como instrumentos para a normalización do noso idioma, ferramentas que nos ofrezan unha visión non manipulada e distorsionada da sociedade, palancas que formen e informen desde unha orientación plural e sen outras ataduras que o compromiso coa lingua e co propio país.

A tal fin poñémonos en contacto contigo para que poidas coñecer de primeira man este proxecto, para que participes do acto e fagas extensíbel a convocatoria do mesmo ao teu circulo próximo e sobre todo para que ten sumes a esta vaga dunha parte da sociedade galega non resignada que aspira a que Galiza conte con medios de seu.

Exit mobile version