Site icon Crónica3.com A Mariña

BIC Galicia promove en Lugo un seminario para facilitar a creación de novas empresas

Nota de prensa

BIC GALICIA PROMOVE EN LUGO UN SEMINARIO PARA FACILITAR A CREACIÓN DE NOVAS EMPRESAS

O encontro organizado por Economía e Industria inclúe formación teórica e práctica e a titorización de cada un dos 23 proxectos en desenvolvemento que participan
A acción formativa ofrece asistencia a emprendedores para realizar un plan de empresa e estudar a viabilidade técnica, comercial, económica e financeira do seus proxectos

Lugo, 29 de outubro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria, a través da sociedade do Igape Bic Galicia, organiza a partir do próximo mércores, día 2 de novembro un seminario de creación de empresas na cidade de Lugo, en colaboración coa Fundación CEL Iniciativas por Lugo.

Este seminario para facilitar a creación de novas empresas desenvolverase na propia sede da Fundación CEL e está destinado a emprendedores cunha idea de negocio xa madura que queiran dispoñer de asistencia para realizar un plan de negocio e estudar a viabilidade técnica, comercial, económica e financeira do seu proxecto contando co asesoramento dun titor. Está previsto que participen 23 emprendedores.

Os seminarios de creación de empresas que ofrece Bic Galicia teñen unha duración de 35 horas lectivas distribuídas en sete sesións, ademais doutras dúas xornadas destinadas a realizar titorías para facilitar asesoramento gratuíto aos promotores de cada un dos proxectos empresariais en desenvolvemento que participen no curso. Nas sete sesións os emprendedores reciben formación, metodoloxía e as ferramentas necesarias para o desenvolvemento do seu plan de empresa.

As persoas interesadas en participar nalgún destes cursos, que se celebran periodicamente, poden obter máis información contactando coa sociedade Bic Galicia, que conta con ampla experiencia en todos os ámbitos relacionados co apoio ao desenvolvemento e á consolidación e mellora da competitividade de empresas de nova creación.

Exit mobile version