Site icon Crónica3.com A Mariña

Copago no concello de Burela

COPAGO NO CONCELLO DE BURELA

Imaxinemos unha familia de catro membros que por razóns laborais, ou de outra índole, tivese que asentarse na comarca da Mariña. O primeiro asunto a tratar sería o lugar onde se decide vivir, estudar e que vila ou cidade ofrece maiores atractivos para atender as necesidades globais de dita familia.

Cando lle toque a vez a Burela, posiblemente se sintan atraídos pola beleza da vila, o porto, Monte Castelo, praias, comercios, colexios e institutos, hospital e sobre todo polas súas xentes. A primeira impresión a de ser, seguro, moi positiva.

O seguinte paso é fixarse na calidade, cantidade e prezos dos servizos que hai no Concello (auga, instalacións deportivas, limpeza, seguridade, oferta cultural, servizos sociais, temas administrativos etc.) e seguro que se sorprenden de que aquí, en Burela, teñan que pagar cotas de uso, como en sociedades privadas, cando empregan instalación públicas. Isto pode ser un motivo suficiente para decidirse a aniñar noutro lugar.

O próximo día 26 de outubro, nun pleno extraordinario, o equipo de goberno do Concello vai aprobar unha serie de ordenanzas fiscais para regular a taxa de ocupación e utilización de todos os edificios e instalacións do concello, é dicir, vai a cobrar por aulas, edificios ou dependencias, casa da cultura, salón de conferencias, pavillóns deportivos (tamén o pavillón dos institutos, que non é de propiedade municipal), campos de fútbol, tenis e padel, unha cantidade de euros que van a afectar as economías de todas as persoas que queiran desenvolver unha actividade deportiva, cultural ou formativa.

Esta decisión faise nun momento económico moi difícil, en plena crise, e penso que é unha decisión equivocada. Agora hai que favorecer a actividade, dar facilidades para usar as instalacións que son públicas e non provocar que os veciños teñan que desprazarse a outros concellos para practicar gratuitamente, ou que abandonen unha boa costume.

Si pretenden con esta medida mellorar a recadación para o concello equivócanse, o montante final non vai a solucionar gran cousa e queda clara a filosofía do PP de aplicar copago os servizos municipais, cando a súa obriga é buscar alternativas de recadación e non prexudicar ós veciños con estas decisións.

No mesmo pleno tamén se vai subir o prezo da auga (moito!!) sen aplicar ningunha medida alternativa que abarate a explotación do abastecemento, como sería a limpeza de lodos do encoro de Rúa que están condicionando moitísimo á cantidade e calidade do líquido, ao mesmo tempo que se reduciría o bombeo dende o encoro de Ríocobo.

En contradición coas declaracións do señor alcalde que afirmou que non se ían a subir os impostos, tamén se vai a aprobar o incremento do 3.10% (como mínimo) en todas as taxas que se aplican no concello.

E para rematar esta febre recadadora van a aplicar un prezo de 100 euros para celebrar vodas civís, cando ata agora era un servizo gratuíto, incrementar o prezo por visitar o barco museo (mala decisión para o turismo) ou aumentar os prezos da matrícula da escola de música.

O actual goberno é o primeiro en aplicar medidas que non favorecen o asentamento de poboación nin o desenvolvemento económico. Levan cinco meses xestionando o concello e non fixeron nada importante. Investimento nulo para o acceso ó porto e poucas garantías de crecemento do hospital. As obras que se están a facer, praza da igrexa, asfaltados en rúas, etc. foron xestionadas polo equipo de goberno anterior coa Deputación e está valoradas nun millón de euros.

O importante é traballar para atopar solucións que beneficien as condicións de que Burela siga sendo un referente na Mariña e atopar motivacións para que familias como a descrita elixan o noso concello para o seu proxecto de vida. De momento esa impresión non se percibe.

Alfredo Llano García. Concelleiro e portavoz do PSdeG-PSOE en Burela

Exit mobile version