Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación asesorará os concellos para recorrer o drástico recorte da Xunta en servizos sociais

Nota de prensa 1/2

ANTONIO VEIGA ANUNCIA QUE A DEPUTACIÓN DEMANDARÁ Á XUNTA QUE MANTEÑA A CANTIDADE DAS AXUDAS DE 2010 AOS CONCELLOS PARA SERVIZOS SOCIAIS

A Deputación instará á Xunta de Galiza a que revise a resolución das axudas recollidas nos diferentes programas do Plan Concertado para 2011 coa fin de manter a contía do exercicio pasado

Veiga afirmou que “a Xunta quere facernos crer que é un goberno austero cando é todo ao contrario, un goberno ineficiente que deixa de lado á xente”

Lugo, 28 de outubro de 2011. O Vicepresidente da Deputación de Lugo e delegado de Benestar Social, o nacionalista Antonio Veiga, anunciou esta mañá, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, que a propia Xunta de Goberno da Deputación acordou instar á Xunta de Galiza a que revise a resolución das axudas recollidas nos diferentes programas do Plan Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais de Corporacións Locais para 2011 coa fin de manter a contía do exercicio pasado. Isto ten como finalidade principal, segundo indicou Veiga, “apoiar aos concellos que quedaron vendidos polo recorte da Xunta nas axudas á prestación de servizos sociais e que a propia Xunta de Galiza recapacite e non faga que a “austeridade” se cebe coas persoas máis necesitadas”. Veiga afirmou que “a Xunta quere facernos crer que é un goberno austero cando é todo ao contrario, un goberno ineficiente que deixa de lado á xente”.

O nacionalista indicou que “os alcaldes de Concellos de todas as cores políticas non dan creto logo de chegarlles a notificación nos que a Xunta poñía en coñecemento os recortes que se fan para 2011 nesta materia, xa que os propios Concellos foron quen correron cos gastos contando cunha axuda da Xunta similar ao ano pasado e atópanse cunha redución media do 70%, chegando nalgúns casos ao 90%”. Neste sentido, Antonio Veiga lembrou que “foi o BNG quen hai 3 anos puxo en marcha na Deputación de Lugo as axudas aos concellos en materia de benestar, e temos o compromiso de seguir mantendo a liña de axudas que conta con 500.000 euros porque é a nosa obriga mantela, tendo en conta que Lugo é unha provincia cun altísimo índice de avellentamento que precisa como ningunha destas axudas”.

Por outra banda, Veiga indicou que “a Xunta esta a atacar o emprego, xa que esta redución vai facer que se teñan que eliminar moitos postos de traballo ao non conseguir os concellos mantelos sen axuda, sobre todo emprego feminino, que é quen nunha maioría desenvolve estas funcións de traballo social nos concellos”.

Antonio Veiga entrou a facer unha valoración e apuntou que “a Deputación considera estes recortes absolutamente brutais, que se xeneralizan no conxunto dos concellos, e están vinculados á propia concepción que a Xunta de Galiza ten do “benestar”, que se achega máis á idea de esmola ou de beneficencia que ao que debería ser a prestación dun servizo por parte dunha administración pública”. Para Veiga, o feito de “recortar por aquí ten unha intención política clara e reflicte que a Xunta de Galiza non aposta por quen menos ten e máis o necesita, mais desde a Área de Benestar da Deputación temos claro que hai moitos sitios por onde recortar antes que facelo por este lado”.

En varios puntos da orde do día da Xunta de Goberno, aprobáronse diferentes investimentos desde as Áreas de Cultura e Turismo, así como de Benestar Social e Deporte, para actuacións en cinco concellos relativos a melloras en equipamento cultural, instalacións deportivas e centros sociais cun investimento en conxunto de 151.585 euros.

Nota de prensa 2/2

Deputación asesorará xuridicamente os Concellos para recorrer no xulgado o drástico recorte da Xunta en servizos sociais

– O organismo provincial, a través da Área de Cooperación cos Concellos, enviará unha carta a todas as entidades locais que decidan sumarse á iniciativa, ó tempo que se lle pedirá á administración autonómica que revise as axudas incluídas no programa

– Martínez subliñou que a decisión da Xunta retrotraerá a Lugo “á época da beneficencia. O PP aproveita a coxuntura política para meter de paso un hachazo a todos os Concellos, matando socialmente á provincia”

– O tixereitazo, que alcanza unha media do 80%, provocará que os Concellos teñan serios problemas para recuperar a cantidade adiantada dentro do programa de 2011 de atención a persoas maiores, dependentes, inmigrantes e minorías

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, adiantou este venres que a Deputación asesorá xuridicamente ós Concellos da provincia para axudarlles a que estes recurran perante o xulgado o drástico recorde que a Xunta de Galicia vén de aplicar na atención social, incumprindo así as bases establecidas nos programas de 2011 de atención a persoas maiores, inmigrantes e minorías. Ademais, o equipo de goberno esixirá á Xunta que revise as axudas incluídas nesta iniciativa, tal e como sinalou o Vicepresidente Primeiro, Antonio Veiga. Deste xeito, o organismo provincial, a través da Área de Cooperación cos Concellos, remitirá unha carta a todas as entidades locais que decidan sumarse á iniciativa, facilitándolles así os medios necesarios, xa que os dilatados recortes nas partidas do Goberno autonómico anuncian unha redución drástica dos fondos para pagar dito programa.

Martínez subliñou que esta decisión da administración autonómica retrotraerá á provincia “á época da beneficencia”, xa que a media dos recortes para os Concellos se sitúa no 80%, o que dificulta que as entidades locais recuperen os cartos que adiantaron para a posta en marcha do programa de atención social. “Paréceme impresentable e indecente. Ademais, fíxose sen contar coa poio da FEGAMP, que convocará unha reunión extraordinaria para que este problema se solucione. É unha decisión unilateral do Goberno do señor Feijóo, ese que acaba coa sanidade e coa educación, e agora faino cos servizos sociais. Eu creo que o Partido Popular, a parte de asfixiar economicamente ós Concellos e deixalos nunha situación moi difícil a final de ano, minte, terxiversa e manipula dicindo que o recorte só é do 5%. Eu convido a todos os veciños a que pidan os datos do ano 2010 e os de 2011”.

Pola súa banda, Antonio Veiga subliñou que “a Xunta non é un goberno austero, é un goberno despilfarrador. Con este trato discriminatorio, os Concellos son os máis perxudicados. Ademais, ataca ó emprego feminino. O que pretende a Xunta é que nos olvidemos da xustiza e nos adiquemos á caridade”.

“A decisión de Feijóo é a morte dos servizos sociais na provincia”

A este respecto, Martínez apuntou que “ó PP nunca lle gustaron os dereitos sociais, nin a educación universal, nin a sanidade para todos. Aproveita a coxuntura política para meter de paso un hachazo a todos os Concellos, matando socialmente á provincia. A decisión do señor Feijióo é a morte dos servizos sociais de Lugo”. Ademais, Martínez subliñou que “xogan cos veciños porque encima son tan cobardes politicamente que non dan a cara, Somos os Alcaldes os que temos que dar explicacións. Póñennos nunha situación de incrumprir todas as leis presupostarias que hai neste país, obrigándonos a dar a cara por eles”.

O Deputado reiterou que a atención social é un servizo necesario para os veciños, tal e como revela o Mapa Galego de Equipamentos Sociais elaborado pola Consellería de Traballo, segundo o que Lugo ten un déficit de prazas residenciais e necesita 2.268 para acadar os ratios mínimos de cobertura social. Pola contra, a Deputación, malia que non ten compentencias directas nesta materia, non só reforza o gasto social, mantendo o programa de Axuda no Fogar, senón que construirá 13 residencias da terceira idade noutros tantos Concellos, investindo máis de 15,5 millóns de euros. “Estamos falando de que temos unha poboación moi avellentada, que necesita eses servizos, porque se non deixámola na indixencia. E non só isto, senón que o PP vota en contra de que concerte prazas nas residencias cando o está facendo con centros privados. A verdade é que alucino porque as prazas privadas na provincia supoñen o triple cas públicas. Ó final, o Partido Popular o que busca é acabar cos servizos universais para voltar á indixencia. É un tema moi grave”.

A mesma situación que co PEIM de 2009 e beneficio para determinadas empresas

Para Manuel Martínez esta situación é a mesma que se produciu co Plan Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural. “Vivimos algo semellante co PEIM, que tiñan os 18 millóns de euros ingresados e non fixeron as obras de 2009 ata o 2011. Aquí volten a facer o mesmo: teñen os cartos ingresados e recoñecidos pero non sei que lles fan. Con tanta austeridade o señor Feijóo ten que aforrar cartos, eu pregúntome onde os mete porque gastar non gastan in un can. A Lugo non lle toca nin un só euro”.

O voceiro provincial socialista sinalou ademais que con esta decisión o único que vai facer a Xunta é beneficiar a determinadas empresas, “tal e como estamos vendo, xa que a xestión dos 12 centros que hai na provincia, téñenos dúas empresas. Esta é apolítica da Xunta, o peor goberno da democracia, isto con Fraga non pasaba. Agora a Deputación ten que ir apagando o desastre de xestión do goberno máis inútil de Galicia dende que hai autonomía”.

Piscina de Sarria

O voceiro provincial socialista referiuse, ademais, ás declaracións realizadas polo Concello de Sarria con respecto á piscina cuberta, que a Deputación financia dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública. Martínez pediulle ó Alcalde e ó seu goberno “que deixen de enganar ós veciños porque son eles os únicos que están retrasando este proxecto”. Neste senso explicou que, “a Deputación fixo os deberes”. O 18 de outubro ingresoulle a este Concello 1.457.000 euros, é dicir, a cantidade consignada para a execución desta infraestrutura que ten un investimento toal de 1.800.000 euros. A cantidade restante, 343.000 euros, corre a cargo do Concello. A día de hoxe, a entidade local só abou 78.422 euros, é dicir, aínda ten sen pagar os 264.578 euros restantes. “Por tanto, eu pregúntolles a todos vostedes, quen é o que realmente está faltando á verdade ós veciños de Sarria, o Concello ou a Deputación?”, concluíu o Deputado.

Acordos Xunta de Goberno

Na Xunta de Goberno aprobáronse as obras adicionais en dúas estradas provinciais que benefician ós veciños dos Concellos de Xermade e Vilalba por importe de 262.381 euros. Trátase das CP 2206 que vai de Casanova por Lousada á de Lanzós e Vilapedre e da 6509, que vai de Carrizo a Lousada. Concretamente, melloraranse máis de 11 quilómetros. Son obras que non están contempladas no proxecto, pero que son necesarias, tal e como subliñou Martínez. Consisten no ensache da calzada e saneo debido a que o terreo era peor do que se prevía, o que obrigou posteriormente a reforzar o firme. Previamente a estas obras adicionais, a Deputación acometeu a mellora destas estradas con aglomerado en quente investindo 1,4 millóns de euros.

Así mesmo deuse o visto e prace a 8 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais de 2011 por importe de 102.348 euros, dos que a Deputación achega 73.351 euros. Pertencen ós Concellos de Taboada (3), Pol (2), Castro de Rei, Lugo e Pastoriza.

Exit mobile version