Site icon Crónica3.com A Mariña

En dúas semanas rematarán as obras de remodelación das instalacións do Club Náutico de Ribadeo

Nota de prensa

A MEDIADOS DE NOVEMBRO REMATARÁN AS OBRAS DE REMODELACIÓN QUE SE ESTÁN A ACOMETER NAS INSTALACIÓNS DO CLUB NÁUTICO DE RIBADEO.

Ribadeo, 27 de outubro de 2011. No prazo de dúas semanas rematarán as obras de remodelación que se están a acometer nas instalacións do Club Náutico de Ribadeo, segundo afirmou o seu presidente, Mario Coto.

O responsable do CNR dixo que esas obras marchan segundo o previsto, “eran uns traballos moi reclamados por parte da directiva do Club Náutico de Ribadeo, tiñamos que darlle solución a uns problemas de humidades nas oficinas, retranqueamos os ventanais e imos pintar as fachadas. É algo que nos interesaba moito ter feito e moi necesario e o anterior presidente de Portos de Galicia, o señor Campana deixou adxudicada esta obra”. Mario Coto agradeceullo “ao igual que a pasarela para independizar a marina seca do acceso aos pantaláns. Só falta unha parte que se executará en breve”.

Portos de Galicia

Sobre o encontro mantido a principios desta semana co actual presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, Mario Coto lembrou que “Durán veu o 9 de setembro a Ribadeo e o secretario do Club Náutico acudiu a esa visita e quedamos para falar. Días despois a través de Manuel Valín e de José Carlos Rodríguez Andina dixémoslles que nos interesaba manter ese encontro e eles comprometéronse a xestionalo e así foi”. O presidente do CNR asegurou que “Durán foi moi receptivo cos plantexamentos que alí lle levamos, é unha persoa que atendeu todas as nosas demandas e estou convencido de que si algunha fórmula hai para sacalos adiante así vai ser. Alí incidimos de novo na necesidade de proceder ao peche da bocana de Porcillán, hai que cerrar o espigón uns 20 metros para que non se produzan as correntes e os perxuizos que se lles producen aos pantaláns 8 e 9”.

Mario Coto engadiu que “de inmediato vannos facer un dragado alí dentro da dársena do porto deportivo porque entrou area e os barcos con algo de calado, superior a dous metros, tócalles a orza no fondo e van facer ese dragado ao tempo que se realice o da ría”.

Desde o Club Náutico de Ribadeo tamén lle plantexaron ao presidente de Portos de Galicia “a instalación de cámaras de vixianza e unha proposta de aforro enerxético coa instalación de luminarias LED, é necesario economizar e así o entenderon. Xa lle presentamos o proxecto e agora está en estudo. Tamén queremos que se fagan as naves para os pescadores e que nos deixen a nós os casetos dos mariñeiros, queremos que Ribadeo conte cun porto que mire ao mar. Cremos nese proxecto e queremos contar cun circuito no porto deportivo para a apertura de novos negocios”. Mario Coto propúxolle no encontro do pasado luns a Portos de Galicia “a instalación dun surtidor de gasoil, é algo moi apetitoso para nós, pero sabemos que é algo problemático. Falamos do restaurante-cafetería que temos en proxecto e xa poido adiantar que en breve sacaremos a concurso a adxudicación destas instalacións, que irán ubicadas na terraza do Club Náutico”.

O presidente do CNR anunciou que José Juan Durán viaxará antes de finais de ano a Ribadeo, “virá para estar co CNR e vermos en qué situación e qué plantexamentos trae a todas as peticións realizadas. Agradézolle a José Carlos Rodríguez Andina que se interesara moito por este tema, él acudiu á reunión e teño que agradecerllo públicamente e estóulle moi agradecido tamén ao presidente de Portos de Galicia, que foi moi receptivo con nós”.

Cursos

Esta semana comezaron os cursos para a obtención do título de patrón de yate e do PER. O primeiro desenvolveráse os mércores e xoves de 17 a 19 horas e o segundo os xoves de 19:30 a 22 horas. Os cursos son impartidos pola empresa Costa Norte baixo a supervisión da Escuela Náutica Oficial de Xixón, que é onde terán lugar os exames. Os interesados en acudir a estes cursos aínda están a tempo de matricularse.

Exit mobile version