Site icon Crónica3.com A Mariña

ERE en “Muebles Hermida”

ERE en “Muebles Hermida”

Hai cousa de ano e pico, cando o señor Zapatero adoptou unha serie de medidas ben drásticas para contentar á insaciábel besta negra dos “mercados”, máis dun pensou con alivio que con el non ía: “eu non son funcionario, así que…” pero logo houbo quen comprobou que a eles non lles baixaban o soldo… subíanlles o tempo de traballo. No que vai de 2011, e no vindeiro 2012, hai e vai haber para todos. E se non, ollo ao tempo. Como non adquiramos conciencia da nosa situación de debilidade, nos unamos e fagamos forza, hannos esmagar como a carrachos.
Ben: a todos? A todos, non. Que algúns, se ben van para a rúa, fano pola porta pequena (?) cunhas suculentas indemnizacións de entre 4, 7 ou ata 10 millóns (de euros, non de perras gordas). E iso, despois de deixar a empresa feita un pelgacho mentres o común dos mortais facemos colas inmensas na caixa de aforros.
No caso da empresa “Muebles Hermida” non podemos falar dunha xestión nefasta nin tampouco de indemnizacións millonarias. Pero si dun ERE co que se pretende botar á rúa a unhas 100 persoas, o 50% do cadro de persoal. Ninguén pode dubidar do gran calado da crise. Pero tampouco podemos aceptar de xeito tan resignado que calquera técnico poida deseñar expedientes de regulación de emprego tan drásticos despois de ter contado con importantes axudas públicas.
Cando na primavera pasada a empresa decidiu despedir a 18 traballadores (no canto de aceptar prexubilacións, ata 20 no prazo de 4 anos, ou paros rotatorios) apostou por unha liña determinada de xestión. Á hora de deseñar un marketing baseado nun produto de alta calidade, tamén. Puido ter optado por diversificar a produción, de tal xeito que, sacando ao mercado produtos de distinta gama, tamén accedía a poderes adquisitivos diferentes. Pero non. E iso é política de empresa. Para ben e para mal.
Agora ben: se desde as distintas administracións temos colaborado toda a cidadanía cunhas axudas que roldan os 7 millóns de euros (case 1200 millóns das antigas pesetas) non podemos quedar quedos e mirar resignadamente cara a outro lado. Señor Feijoo, señora Mato, señor Balseiro: movan o cu! Bailen a cumbia se fai falta. Pero non toleren que de novo cantidades astronómicas caian en saco roto. Teñen nas súas mans evitar que se execute este ERE. Senten a todo o mundo a negociar e eviten que, unha vez máis, tecnócratas que só ven cifras (no canto de traballadores e traballadoras e unha comarca con apenas tecido industrial) poidan botar por terra as ansias e a capacidade de traballo de 100 familias mariñáns e a riqueza derivada desa actividade.

Farruco GRAÑA

Exit mobile version