Site icon Crónica3.com A Mariña

Garantir futuro ao ensino público

Garantir futuro ao ensino público

Neste mesmo espazo de opinión de Cronica3 leo con certa desconfianza a carta da que di ser unha nai da familia –algo que non dubido- que curiosamente reproduce coma por coma o argumentario do PSOE respecto da situación do ensino público en Galicia. Moi lóxico, se temos en conta que a súa autora é edil socialista de Burela, hoxe na oposición tras a derrota electoral. Plena propaganda demagóxica propia do período preelectoral.

Resulta sorprendente que os socialistas sigan alleos á situación económica actual, á grave crise que antes negaron, e continúen defendendo sistemas de préstamos dos libros carísimos que implicaban destinar os cartos de todos os galegos para pagar tamén os libros de millonarios e xentes con gran poder adquisitivo. Non dubido que é moi complicado aplicar axustes presupostarios na educación. Pero antes de que esto sexa unha imposición de Europa ou do Fondo Monetario Internacional que teñen ao noso país no punto de mira como consecuencia da excesiva débeda e o despifarro que protagonizaron os políticos e, en especial, o goberno socialista de Zapatero e Rubalcaba, hai que poñer en marchas medidas de racionalización do gasto, entre elas, o acertado novo sistema de gratuidade solidaria dos libros en función da renda de cada un.

Os datos nunca menten. E ninguén poderá negar que en Galicia 1 de cada 4 euros do seu orzamento vai para educación e a nosa é unha das catro comunidades autónomas que máis inviste no sistema público educativo. Solo hai que saber sumar. Cos datos na man hai que entender como políticas as manifestacións dos sindicatos do profesorado –vinculados a partidos políticos da oposición- e cartas como a de Remedios López, absolutamente lexítima, pero que contan a realidade segundo a imaxe que máis lles convén.

A elección é moi sinxela. Ou apostamos por gastar mellor os cartos que son de todos ou pronto serán outros os que escollan onde teñen que recortar. Ou apostamos porque os profesores dean unha hora más de clase ou se encarguen da garda dos nosos nenos que chegan do transporte escolar, ou ao final, non haberá nin cartos para pagar a estes profesores que, por certo, non foron mobilizados polos sindicatos socialistas e nacionalistas cando lles recortaron o soldo.

Apostar pola educación pública e garantir que teña futuro. Podemos xogar ao populismo demagóxico como fai esta nai socialista ou comprender os esforzos que desde as administracións se lles está a pedir aos funcionarios, para garantir un sistema público e de calidade. Ao fin e ao cabo, nun país de 4 millóns de parados, eles son uns privilexiados.

Gema Pernas

Exit mobile version