Site icon Crónica3.com A Mariña

Lume aceso

LUME ACESO

O venres pasado asistimos en Lourenzá á emotiva homenaxe ó intelectual galeguista don Francisco Fernández del Riego, unha das personalidades mais egrexias da cultura da nosa terra, que durante a longa vida, de 97 anos, foi exemplo de entrega a prol dos valores humanos e culturais, e tamén económicos, de Galicia. Residindo él en Vigo, razóns persoais nos permitiron manter nos últimos tempos da súa dilatada e fructífera vida, unha relación mais próxima e visitalo de cando en vez na Fundación Penzol ou mesmo na súa vivenda da Praza de Compostela daquela cidade. Das longas, amenas e as súas maxistrais conversas, un caudal de sabedoría, de prodixiosa memoria e de honestidade, sempre en actitude respectuosa e tolerante, no fondo e nas formas, que non é doado atopar naqueles con significación na sociedade e, moito menos, na política, el representaba todo un exemplo a seguir. Fomos tamén testemuña doutro valor: o fondo amor ás terras de Lourenzá. Con frecuencia durante os encontros expresaba de xeito explícito o seu sentimento cara o terruño e asentía en diversos momentos: “as miñas amadas terras de Lourenzá que tanto añoro”. Serios atrancos coa saúde, súa e da inseparable dona Evelina, afastárono antes do desexado da Vilanova natal.…Estes e outros pensamentos, acudían ó noso maxín cando asistíamos á homenaxe na que se percibía a emoción dos asistentes, porque todos éramos conscientes de que a nosa presenza tiña por único obxecto a exaltación e honra dunha persoa que hai que catalogar, con absoluto dereito e xustiza, entre os poucos ”bos e xenerosos”..Os actos desenvolvidos no vello mosteiro e o seu entorno foron lucidos e participados, coa sinxeleza que procedía acorde á modestia que en vida adornou ó grande home que foi; os parlamentos precisos, co engadido transcendental da literatura e a música, tan amadas por don Paco, a cargo de tres vellos amigos deste cronista: Manolo Román e Xosé López González, autores do magnífico libro de fermoso i expresivo título, “Lume Aceso,” e Lino Rico co acordeón, que puxo no ar a dozura de belidas e nostálxicas melodías. Parabéns.

Suso Fernández

Exit mobile version