Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela dará conta aos grupos políticos das xestións coa Xunta e con Fomento sobre o PXOM

Nota de prensa

GONZÁLEZ BARCIA CONVOCA Á COMISIÓN DE SEGUEMENTO DO PXOM. O ENCONTRO SERÁ O VINDEIRO VENRES ÁS 11 DA MAÑÁ NA SALA DE XUNTAS DO CONCELLO. O ALCALDE AFIRMA QUE AS CONVERSAS TÉCNICAS CON ESTRADAS “VAN DA FORMA PREVISTA, BEN”.

Burela, 4 de outubro de 2011. O alcalde de Burela, o popular José María González Barcia, anunciou hoxe a próxima reunión da Comisión Informativa de Seguemento do PXOM, na que están representados todos os grupos políticos. Barcia indicou que a reunión xa está convocada e celebrarase o vindeiro venres, día sete de outubro, ás once da mañá, na sala de xuntas do concello burelés.

A intención do rexedor burelés é explicarlles aos grupos políticos as xestións levadas a cabo tanto coa Xunta como con Estradas do Estado para avanzar na redacción do PXOM. De feito, Barcia indicou que “hoxe mesmo se celebrou en Lugo a primeira das reunións técnicas previstas con Estradas, á que asistiron o concelleiro delegado de Urbanismo, Manuel Fernández Valle, e os técnicos redactores do documento”. A xuizo de Barcia a impresión que lle transmitiron os asistentes foi positiva, polo que entende que “as conversas técnicas van ben, segundo o previsto”.

Con todo, o alcalde declinou fixar prazos, “estamos a falar dun documento con grande complexidade, polo que non é doado marcar unha temporalización concreta: os prazos poden ir e vir, e xeralmente sempre tenden a ampliarse en casos semellantes”.

Nos próximos días, desde o equipo redactor do PXOM remitirase a Estradas do Estado en Lugo a documentación que se acordou elaborar, para continuar os traballos de redacción e conclusión do documento.

Exit mobile version