Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela informou aos grupos municipais do PXOM que vai ben “sen fixar prazos”

Nota de prensa

O CONCELLO ACOLLEU A PRIMEIRA XUNTANZA OFICIAL DA COMISIÓN DE SEGUIMENTO DO PXOM DE BURELA. OS ASISTENTES RECIBIRON INFORMACIÓN PORMENORIZADA DOS AVANCES QUE SE PRODUCIRON NAS ÚLTIMAS SEMANAS, SEGUNDO GONZÁLEZ BARCIA.

Burela, 7 de outubro de 2011. O Concello acolleu esta mañá a primeira xuntanza oficial da comisión de seguimento do PXOM de Burela. Os asistentes recibiron información pormenorizada dos avances que se produciron nas últimas semanas, segundo o alcalde.

José María González Barcia subliñou que “se trata da primeira reunión oficial da comisión de seguimento do PXOM de Burela, desde que se aprobou a súa creación en pleno. Houbo un ou dos encontros informais neste tempo, pero a primeira xuntanza oficial foi ésta”.

O alcalde de Burela indicou que “se lles explicou aos asistentes a situación real dese documento e os trámites que se están a realizar. Démoslles conta dos dous encontros celebrados hai días tanto na Demarcación de Estradas do Estado en Galicia como na Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta”. Barcia sinalou que “se lles dixo claramente que as cousas van razoablemente ben, pero sen fixar prazos polo momento”.

O rexedor amosóuse sorprendido “porque despois das explicacións recibidas algúns lembráronse de que Fomento aínda non resolveu as alegacións presentadas desde Burela ao corredor Barreiros-San Cibrao. Nós seguiremos adiante coa tramitación do PXOM. Non podemos agardar por esa resolución, porque que se pode prolongar moito no tempo”. González Barcia considera que “desde a oposición, e dado que o PSOE está no goberno do Estado, se podía ter feito algunha xestión para axilizar ese proceso, pero neste tempo non houbo xestión algunha nin diante de Fomento nin da Xunta. De todos os xeitos abrímoslles a porta a posibles colaboracións neste sentido”.

José María González Barcia dixo que “nós cumprimos co que dixemos hai un tempo, que iamos activar a comisión de seguimento do PXOM e así o fixemos. Hoxe vímonos e todos preguntaron canto quixeron. A partires de aquí cando teñamos o plan encarrilado tanto con Fomento como coa Xunta voltarémolos a chamar”. O alcalde explicou que a reunión da comisión foi cordial e que se deu información pormenorizada do que se avanzou nestes últimos tempos.

Exit mobile version