Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo convocou unha xuntanza para buscar unha solución para facer unha residencia para maiores

O alcalde de Ribadeo convocou unha xuntanza para buscar unha solución e crear unha residencia para maiores

FERNANDO SUÁREZ CONVOCOU UNHA XUNTANZA PARA O MÉRCORES CO FIN DE ANALIZAR A NECESIDADE QUE TEN RIBADEO DE CONTAR CUNHA RESIDENCIA DA TERCEIRA IDADE.

Ribadeo, 24 de outubro de 2011. O alcalde, Fernando Suárez, convocou unha xuntanza para o vindeiro mércores co fin de analizar a necesidade que ten Ribadeo de contar cunha residencia da terceira idade. Ao encontro asistirán os voceiros dos grupos políticos con presenza no Concello e membros da comisión veciñal pro-residencia.

O rexedor sinalou que “despois dos contactos que viñemos mantendo antes e despois das pasadas eleccións municipais con esta comisión cidadá que loita pola creación dunha residencia da terceira idade aquí en Ribadeo, e de común acordo con eles, queremos dar un paso adiante e como alcalde convoquei para o vindeiro mércores, 26 de outubro, unha xuntanza entre os voceiros dos diferentes grupos da Corporación Municipal e dous membros desta comisión de veciños”.

Suárez Barcia explicou que “queremos estudar en conxunto unha saída óptima para buscar unha solución entre todos para a creación dunha residencia da terceira idade en Ribadeo. Desde o Concello e tal e como tiñamos falado con eles levamos un estudo, elaborado polos servizos sociais municipais, onde se ve a necesidade de contar con esas instalacións. É un estudo que poderá ser ampliado, perfeccionado entre todos, pero eu entendo, como alcalde de Ribadeo, que estas cuestións que nos deben unir a todos debemos ser todos os que participemos”.

O alcalde engadiu que “por iso, sen ter ningún medo a actuar como goberno municipal querémolo, igual que estamos a facer co urbanismo, facer entre todos, queremos que os representantes de todos os grupos políticos esteñamos loitando todos a unha para buscar a mellor solución co obxectivo de que Ribadeo poida ter máis cedo que tarde unha residencia da terceira idade. Iso sí sen deixar de lado polo que sempre loitamos que é seguir dando servizos de proximidade, servizos sociais, de axuda a domicilio que o noso Concello segue a desplegar e que co apoio, que debe seguir tendo da Xunta de Galicia, para non mermar nesta situación de crise o que son os dereitos que a xente maior ten de seguir contando cunha atención o mellor posible no ámbito da súa casa, do seu fogar, sendo a última opción ir a unha residencia”. Fernando Suárez manifestou que “como moitas veces en moitas familias esa última opción tamén é algo real queremos buscar entre todos unha saída para a posible construcción dunha residencia. Aínda que non vai ser tan fácil, e non se trata só de construir un edificio senón de mantelo, é algo que debemos falar entre todos, entre os representantes do PSOE, do PP, de UPRI e do BNG así como desta comisión de veciños que de boa fé está a actuar. Como alcalde de Ribadeo quero que todos traballemos a unha neste caso tan importante para Ribadeo”.

Exit mobile version