Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo explica que a Xunta recorta máis do 70% a súa aportación ao servizo de axuda no fogar

Nota de prensa

A XUNTA RECORTA EN MÁIS DUN 70% A SÚA APORTACIÓN AO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR DE RIBADEO. FERNANDO SUÁREZ AMÓSASE ESCANDALIZADO POLO QUE ESTÁ A OCORRER E ACUSA AO GOBERNO GALEGO DE ESTAR DE COSTAS A QUEN MÁIS O NECESITA. O REXEDOR LEMBRA QUE O CONCELLO ATENDE A 99 USUARIOS E QUE, A PESARES DAS MELLORAS EFECTUADAS NOS ÚLTIMOS ANOS, HAI LISTA DE ESPERA.

Ribadeo, 26 de outubro de 2011. A Xunta recorta en máis dun 70% a súa aportación ao servizo de axuda no fogar do Concello de Ribadeo. O alcalde, Fernando Suárez, amósase escandalizado e acusa ao goberno galego de estar de costas a quen máis o necesita e de estar propiciando unha revolución social.

O rexedor explicaba esta mañá que “no Concello de Ribadeo estamos asistindo escandalizados a esta orxía de recortes na que nos está metendo a todos os Concellos a Xunta de Galicia. No ano 2010 no que tiña que ver co programa de axuda no fogar o noso Concello recibía unha aportación da Xunta de 43.000 euros. Para este ano 2011, sendo agora en outubro cando nos comunican esta cifra, vai pasar a recibir un 70% menos, é dicir uns 13.000 euros, pasamos de 43 a 13.000 euros, pero a realidade é que o recorte afecta ao 90% porque só 4.000 euros corresponden a axuda no fogar e os 9.000 restantes a outros programas que tiñamos e que nos retiran”.

Suárez Barcia criticaba “este tipo de actuacións de cebarse con aquelas administracións, como os Concellos, máis débiles, pero sobre todo por enriba de nós de cebarse coa xente maior que tanto precisa este servizo de axuda no fogar, xente que ten que estar atendida, que lle teñen que facer a limpeza e que os atenden para que estean os últimos anos da súa vida nas mellores condicións e sen ter que ir a residencias, que tampouco hai. Que con esto da crise e da austeridade e con esta paranoia dos recortes vaian dando navalladas a quen máis o precisa, me parece que o goberno galego está de costas á sociedade, de costas a quen máis o necesita e está iniciando o que vai ser unha revolución social”.

Para o alcalde ribadense “si esto é que o que queren facer estes señores dentro de mes e medio despois das eleccións, no caso de que cheguen a gañar, e utilizando a súa propia dialéctica, que deus nos colla confesados”. Suárez Barcia engadiu que “eu como alcalde de Ribadeo estou moi orgulloso do funcionamento do servizo de axuda no fogar, cando eu cheguei á Alcaldía no ano 2007 había 5 persoas que atendían un número limitado de casos, fomos ampliando o servizo con recursos propios e aproveitando os doutras administracións, fomos ampliando o persoal e a día de hoxe podemos dar este servizo a 99 usuarios e usuarias, e aínda a pesares de todo isto temos lista de espera”.

O rexedor fixo unha advertencia hoxe “con este xarro de auga fría espero e desexo que o PP no Concello de Ribadeo non se atreva a cuestionar cando queiramos subir o IPC ou determinados impostos de xeito progresivo para poder seguir atendendo á xente de axuda a domicilio. O Concello de Ribadeo poderá quedarse sen outras cousas, pero non deixará de prestar o servizo a ningunha persoa das que estabamos a atender. Me parece que o que está a facer o PP na Xunta de Galicia é crear as condicións para que se produza unha auténtica revolución social”.

Exit mobile version