Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG asegura que os problemas económicos no concello de Barreiros arrástranse desde anos atrás

Nota de prensa

O BNG ASEGURA QUE OS PROBLEMAS ECONÓMICOS DE BARREIROS VÉÑENSE ARRASTRANDO DESDE ANOS ATRÁS.

Os nacionalistas xa advertiron no seu momento ao goberno municipal do despilfarro que se estaba a facer na execución dos orzamentos do Concello.

Barreiros, 26 de outubro de 2011. O Bloque Nacionalista Galego amosa a súa sorpresa polas declaracións vertidas nas últimas horas por parte do Alcalde barreirense recoñecendo que empeza a haber problemas económicos cos pagos a provedores.

Os nacionalistas aseguran que “estes problemas levan existindo no noso concello moitos anos. Non é algo novo que veña determinado pola situación actual, senón que son a consecuencia directa da nefasta xestión realizada polo rexedor barreirense nos seus anos de mandato. Durante anos adicáronse a despilfarrar os ingresos que se obtiñan por distintas vías, a realizar gasto sen ningún tipo de control e agora veñen coa disculpa da crise, que sempre vale para todo, para xustificar calquera medida que se adopte.”

“Xa hai anos que existen problemas económicos neste concello. E xa hai anos que o BNG o vén advertindo. Algo que debería ser extraordinario, como son os recoñecementos extraxudiciais de crédito, converteuse no habitual neste municipio. Esto constata o fracaso absoluto da política de xestión que se estivo levando a cabo todos estes anos polo Partido Popular: unha política de falla de rigor, de despilfarro e de absoluta discrecionalidade nos gastos. E, por suposto, o goberno municipal e o Alcalde estaban máis que advertidos. Non só polo BNG, que o fixo; senón tamén polos sucesivos informes de intervención nos que se confirma que, tal e como ten afirmado o BNG en numerosas ocasións, neste concello vense gastando sistematicamente sen ningún rigor e despilfarrando o diñeiro de todas e de todos”, aseguran os nacionalistas.

Exit mobile version