Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo rexeita tanto despropósito cometido pola Xunta cos recortes que estamos a sufrir día si, día tamén

Nota de prensa

COMUNICADO DE PRENSA DO BNG DE RIBADEO

Ante a vaga de recortes que estamos a sufrir día si, día tamén, o BNG de Ribadeo quere manifestar o seu total e absoluto rexeitamento a tanto despropósito cometido pola Xunta de Galicia e consentido co seu silencio polos concelleiros e concelleiras populares nos distintos concellos galegos.

Pouco lles importa que coas súas decisións a Xunta poña en perigo as contas municipais. Xa se sabe: para eles, canto peor, mellor. É ben pouco serio que o goberno galego lles diga aos nosos concellos que poden dispoñer dunha cantidade de diñeiro e, xa case rematado o ano, dicirlles que en realidade van dispoñer de ata un 70% menos.

Porque esa é outra das características do actual goberno da Xunta: de entrada presuposta unha cantidade de diñeiro, pero non paga ata o remate do ano. E os concellos teñen que adiantar os cartos para poder prestar dito servizo. Iso si: cando o PP está na oposición nos concellos, veña a criticar que o goberno municipal paga tarde, mal e arrastro. Pois agora, a Xunta recorta o que prometeu dedicar a asistencia domiciliaria, como en tantas outras cousas, e deixa co cu ao aire aos concellos galegos, que xa adiantaron o diñeiro. Pero diso non se queixan os concelleiros e concelleiras do PP.

Por suposto, agora só falta que apareza en escena unha grea de expertos para que nos ensinen que tanto gasto público é insoportábel para a nosa economía e que hai que aplicar recortes para sanear as arcas públicas.

Está nas nosas mans pararlles os pes. Queren acabar coa sanidade pública en beneficio das mutuas privadas, queren reducir á mínima expresión o ensino público en beneficio das escolas privadas; queren, en fin, condenar aos sectores sociais máis desfavorecidos á soidade, á máis absoluta miseria. Iso si: mentres tanto, o señor Feijoo adoita unha actitude pusilánime, cursi e ñoña cando se ten que referir ás indemnizacións escandalosas de algúns executivos das nosas caixas e se nega a abrir unha comisión de investigación para descubrir como puidemos chegar á perda do control sobre o aforro de todos os galegos e galegas. Velaí os tendes: fortes e soberbios cos de condición social humilde; débiles e submisos cos poderosos.

Exit mobile version