Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG di que quen privou aos veciños de Barreiros de servizos foi o PP por non aplicar a lei

Nota de prensa

O BNG DI QUE QUEN PRIVOU AOS VECIÑOS DE BARREIROS DE SERVIZOS FOI O PARTIDO POPULAR POR NON APLICAR A LEI NO CONCELLO E PERMITIR QUE SE CONSTRUÍRA SEN CONTAR CON NINGÚN TIPO DE SERVIZO.

Barreiros, 11 de outubro de 2011. Para o Bloque Nacionalista Galego de Barreiros quedou claro, unha vez máis, que “o Deputado popular José Manuel Balseiro segue a moverse na perigosa senda que discurre entre a mentira e a ignorancia. Só así se poden entender as declaracións que hoxe fixo a respecto do convenio de Barreiros que se discutía no Parlamento Galego.”

“Mentras minte cando declara que o obxectivo principal do convenio é dotar de servizos aos veciños de Barreiros, cando o que se está a garantir con este convenio é unicamente servizos para as grandes urbanizacións, obvia que eses servizos teñen que ser, por lei, asumidos polos promotores e propietarios e non polas institucións. Pode ser que este deputado (que tamén é secretario do Parlamento) descoñeza o articulado da Lei do Solo, algo que sería dificilmente entendible pola opinión pública.”

Polo tanto, os únicos responsables de que, a estas alturas, aínda non exista nin un só servizo en Barreiros son o Partido Popular e o Alcalde de Barreiros; que no seu día non esixiron aos promotores que asumiran os custes de urbanización deses terreos, como están obrigados pola Lei 9/2002.

O feito de que o actual goberno da Xunta desistira dos recursos Contencioso- Administrativos contra 21 licenzas municipais o único que pode supor é que se vaian rematar grandes edificios moito antes de estar executados os servizos; xa que, segundo o propio convenio e no caso de que chegue a facerse efectivo, estes non estarán rematados, como mínimo, ata o ano 2014 ou 2015, tendo en conta que xa se leva un ano de retraso na aplicación orzamentaria das anualidades. Tampouco existe ningunha garantía de que estes servizos poidan realizarse, xa que a estas alturas segue sen saberse de onde vai sacar o Concello de Barreiros os máis de 7 millóns de euros que lle corresponde poñer.

Polo tanto, e como mariñáns, recomendámoslle ao señor Balseiro que se preocupe de manter servizos, como o da ambulancia nocturna, e que na súa acción política se adique a evitar os recortes que o seu partido está facendo en educación, sanidade e servizos públicos en xeral. Esa é a “política real” do PP, a política dos recortes, e o de Barreiros é o seu “urbanismo real”.

Exit mobile version