Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pide en Xove que o transporte escolar continúe sendo de balde

Nota de prensa:
O Bloque pide en Xove que o transporte escolar continúe sendo de balde

O Grupo Municipal do BNG presentará unha iniciativa para que o pleno apoie a gratuidade do desprazamento para o alumnado que estuda fóra do concello

O Bloque Nacionalista Galego de Xove anunciou onte que no vindeiro pleno solicitará a preservación da gratuidade do transporte escolar para o alumnado que se ten que desprazar a San Cibrao, Burela ou Viveiro para continuar os seus estudos de Bacharelato, Ciclos de Grao Medio ou Ciclos de Grao Superior.

No BNG xovense tomaron esta determinación despois de atoparse ao comezo do actual curso escolar con que o goberno local suspendeu a gratuidade deste servizo e os estudantes terán que aboar parte do seu transporte. Marco López, portavoz do BNG no Concello, explicou que esta medida aféctalle especialmente “ás familias de Xove que teñen dificultades para sufragar as necesidades educativas dos seus fillos e fillas”.

Asemade, desde a formación nacionalista entenden que o pleno municipal debe garantir o dereito á igualdade de todas as persoas que cursan estudos fóra do municipio e que “o noso Concello deberá implicarse e colaborar na formación da xente moza que cursa estudos universitarios ou de ciclos formativos cuxa especialidade non exista na Mariña, ofrecéndolles tamén a eles axudas para o transporte”. Segundo o portavoz nacionalista, “este é un modelo de investimento nas persoas que acabará revertindo en beneficio da sociedade, un modelo que promovemos desde o BNG sendo conscientes de que lle axudará á xente nova que representa o presente e o futuro de Xove”.

Por todo isto, o grupo do BNG instará na Cámara Municipal a esixencia do mantemento do servizo de transporte gratuíto que xa existía e, tamén, que se amplíen as actuais prestacións creando unha liña de axudas que cubran o transporte do estudantado que debe desprazarse fóra da nosa comarca.

Exit mobile version