Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pide que as medidas que se adopten para a rexeneración das praias de Altar e Anguieira non sexan improvisadas

Nota de prensa

O BNG PIDE QUE AS MEDIDAS QUE SE ADOPTEN PARA A REXENERACIÓN DAS PRAIAS DE ALTAR E ANGUIEIRA NON SEXAN IMPROVISADAS.

Barreiros, 19 de outubro de 2011. O BNG pide que as medidas que se adopten para a rexeneración das praias de Altar e Anguieira non sexan improvisadas. Os nacionalistas afirman que os alcaldes de Foz e Barreiros están actuando irresponsablemente amparados na pasividade, e tamén irresponsabilidade, de Portos de Galicia e da Dirección Provincial de Costas. O BNG demanda que non se derrochen máis cartos públicos en actuacións na ría sen telas estudadas e contrastadas.

A portavoz do BNG no Concello de Barreiros, Ana Ermida, sinala que “unha vez máis, estamos diante dun despilfarro de cartos públicos e sen atisbarse ningunha solución para evitar a marcha de area da praia de Altar e facilitar a entrada no porto de Foz”.

Ermida indica que “dá a impresión de que todo o que se fixo nas últimas décadas foi sen previsión, sen rigor e sen criterio e con importantes investimentos públicos só para encher a ría de máis cemento; pois o suposto obxectivo perseguido de manter a area na praia de Altar e ter suficiente calado para entrar en Foz está claro que non foi conseguido.”

Para o BNG “non é de recibo a total descoordinación entre as institucións que realmente teñen responsabilidades neste asunto: Portos de Galicia e Dirección Provincial de Costas. Tampouco é de recibo a actitude do alcalde de Barreiros, deixando de lado a defensa dos intereses do seu concello, tal vez por descoñecemento. Pero debería saber que existen diversos estudos que demostran que os dragados do lateral oriental da canle no ano 1.991 alteraron as condicións de estabilidade das praias barreirenses de Anguieira e Altar, ocasionando deste xeito erosións nestas praias”. A portavoz nacionalista en Barreiros engade que “estas actuacións tamén tiveron como consecuencia modificacións no estado interior da ría, influíndo nas condicións de habitabilidade dos seres vivos e afectando á pesca recreativa e ao marisqueo, baixando a produción deste último ao seu mínimo histórico. Non é casual que os berberechos da festa homónima procedan doutras rías”.

Desde o BNG subliña que “o papel que están xogando os alcaldes do Partido Popular de Foz e de Barreiros tampouco é de recibo, pois as solucións hai que buscalas en conxunto e non improvisalas en función de intereses locais e momentáneos. Se os alcaldes populares de Foz e Barreiros seguen así, dando paus de cego, xa non lles fará falla construír a famosa ponte dos Manolos, xa que se poderá cruzar dun lado a outro da ría a pé”.

Os nacionalistas invitan “á reflexión aos grandes ausentes neste conflito (Portos e Costas) para que as actuacións na ría non se limiten a obras illadas e anárquicas que non teñen en conta o conxunto de recursos da ría”. Por esta razón, tamén instan aos alcaldes de Foz e Barreiros a levar aos plenos respectivos a análise desta grave situación para poder decidir sobre as actuacións que conveñen ao conxunto da ría.

Exit mobile version