Nota de prensa
Estoa advirte de que o 70% do polbo que se consume en Galiza procede de fora.
O BNG solicitara unha modificación do réxime especial do mar para rematar coas pensións de miseria.
Segundo indicou Estoa “ é fundamental unha mudanza radical nas políticas para o sector da baixura que debe fundamentarse en primeiro lugar por unha transferencia a Galiza das competencias plenas nesta materia, pero non só as que a día de hoxe recolle o actual Estatuto senón que debe estender o concepto de augas interiores até as doce millas. Pero tamén é central que a Xunta de Galiza demostre unha vontade política ao respecto posto que non é de recibo a redución de fundos que os actuais orzamentos recollen para a baixura que a día de hoxe representa preto de 4100 embarcacións en Galiza fronte a apostas en materia de acuicultura ou do turismo náutico”.
Neste sentido Estoa lembrou “que foi o BNG no Congreso quen promoveu e conseguiu a instancias do sector modificar os criterios de regularización das embarcacións propostas polo Goberno Central que no caso de ir adiante provocaría o desguaze de boa parte da flota de baixura e da que non temos dúbida algunha que o que pretendía era asentar unha puñalada definitiva á baixura galega. Isto só demostra que é fundamental que o BNG pese e e que o BNG decida en Madrid, e ten que seguir decidindo para modificar a actual normativa que vincula a potencia instalada nos motores ao esforzo pesqueiro, posto que non hai que ser ningún esperto no tema para saber que polas condicións do noso mar e das nosas rías a potencia dos motores das nosas embarcacións de baixura ten que ser menor que a potencia dos motores doutras embarcacións que traballan noutras áreas de costa da Península Ibérica.Non hai máis política de seguridade para a nosa baixura que aquela que permita aumentar a potencia instalada ao marxe do esforzo pesqueiro”.
Noutra orde de cousas, Estoa esixiu “poñer fin a esta política caótica da administración en relación co sector. Non é explicábel a política de vedas actual e vaia como exemplo o que acontece coa centola agora fechada a actividade, pero que se abriu nos meses de verán cando é precisamente nos meses de Nadal cando esta debe estar aberta e co recurso nun estado máis óptimo pois é precisamente neste período cando o produto acada os mellores prezos e polo tanto cando se maximiza o beneficio. Non é tampouco de recibo a ausencia de ningún tipo de control as exportacións o que provoca que a baixura galega non de competido con pesquerías que entran de fora, do que é bo exemplo o que acontece co polbo, sendo actualmente o 70% do polbo que se consume en Galiza de procedencia estranxeira”.
Os nacionalistas marcaranse coo “reto para esta lexislatura unha modificación do réxime de cotizacións para os mariñeiros da baixura, posto que o actual, ao establecer un tope de cotización fixa provoca unha discriminación fronte outros traballadores por conta allea, xa que non lles permite ir aumentando a base cotizado a medida que se remata a vida laboral e por conseguinte ao final nos atopamos coas pensións de miseria dos nosos mariñeiros. Non estamos esixindo ningún trato de privilexio, simplemente que poidan xogar cos mesmas regras de xogo que outros traballadores por conta propia”.