Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS-Pescados Rubén medirase mañá ao Natudelia.com Zaragoza no Vista Alegre

Nota de prensa

AS ZARAGOZANAS CHEGAN A VISTA ALEGRE OSTENTANDO O FAROL VERMELLO

O Burela FS-Pescados Rubén medirase mañá ao Natudelia.com Zaragoza, que chega a Vista Alegre ostentando o farol vermello, sen estrear a cuadrícula. Como vén sendo habitual, o encontro dará comezo ás 18.30 horas.

Os resultados para as mañas non están sendo nada alentadores (UA Alicante 3-7, Móstoles 11-1, Soto del Real 1-5, Ponte Ourense 6-0 e Cajasur Córdoba 1-6); as derrotas con menor diferenza de goles foron na súa casa, ante as alacantinas e as sotorrealeñas, de catro. Porén, Javier Pardeiro advirte sobre a dificultade en potencia que presenta a sexta xornada da Primeira División na bomboneira. “Non é un partido que se pode dar por gañado porque seguramente vai presentar máis dificultades das esperadas a priori. Aínda que non está tendo un bo comezo, o Zaragoza fíxose con varias xogadoras nas últimas semanas que lle proporcionarán profundidade de banco e intensidade” dixo o estratega laranxa, que fixo referencia á concentración como baza para non deixar escapar os tres puntos: “Veremos un equipo pechado moi atrás, que non arriscará e que tentará saír ao contragolpe. Sen ningunha dúbida, levaremos o peso do partido; non podemos relaxarnos en ningún momento”.

Para esta cita, o banco burelista contará co regreso de Jozi, despois de alzarse co Sudamericano 2011 co combinado brasileiro. Peque continúa a evolución da súa escordadura de ligamento cruzado posterior.

Os hoteis Palacio de Cristal, Nordés e Sargo, en Burela, e O Rincón de Anita, en Foz, agasallarán a súa clientela durante as ceas deste venres con invitacións para gozar co xogo do CD Burela FS-Pescados Rubén ante as zaragozanas.

Exit mobile version