Site icon Crónica3.com A Mariña

O ciclo de roteiros de ADEGA Lugo 2011-2012 desenvolverase polos lugares máxicos do país

Nota de prensa

OS ROTEIROS DE ADEGA LUGO 2011-2012 DISCORRERÁN POLOS LUGARES MÁXICOS DO PAÍS

O ciclo de roteiros de ADEGA Lugo 2011-2012 desenvolverase baixo o título: “Roteiros pola Galiza Máxica. Un país de lendas”.

Lugo, a 24 de outubro de 2011.- Pedras, mares, corredoiras, cumios, vales , fontes, árbores, covas, etc., son algo máis que elementos naturais e paisaxísticos. Alá onde se atopan adquiren un significado diferente e único segundo lles foi determinado polas crenzas e costumes dos nosos devanceiros. Son seres míticos, máxicos e fantásticos que corresponden a un intento de comprender a contorna ou o mundo circundante. Son os habitantes e os lugares da Galiza Encantada á que ADEGA Lugo lle quere dedicar o seu ciclo de roteiros 2011-2012.

Innumerables lendas, personaxes mitolóxicos ou recunchos máxicos persisten aínda na nosa xeografía, mais pouco a pouco van esmorecendo na nosa memoria e no noso presente, ben sexa pola desaparición do elemento máxico e natural de referencia, ben pola ausencia de fontes vivas de información ou ben porque a propia tradición oral se vai reconstruíndo e actualizando.

Porén, a destrución do territorio físico de Galiza está a contribuír de xeito especial a esta perda dos elementos míticos de Galiza e, por ende, do noso imaxinario cultural. As alteracións que día a día sufre o noso territorio, non só contribúen a diminuír os recursos naturais ou a biodiversidade propia do país, senón que tamén eliminan o espazo no que se crean e trasladan de xeración en xeración as crenzas populares, os cultos pagáns e relixiosos, as lendas, ou a consciencia dos lugares míticos.

Por tanto, o territorio natural é tamén un territorio máxico, dous territorios que, na meirande parte dos casos, conflúen en dous espazos interdependentes e destinados a vivir ou a morrer ao mesmo tempo, de xeito que, se un deles desaparece, o outro ten poucas posibilidades de permanecer. É por iso que ADEGA-Lugo, no marco da súa campaña a prol da defensa do territorio, quere contribuír de forma activa a que os galegos e galegas coñezan estes elementos naturais e máxicos presentes aínda na nosa xeografía e na nosa memoria colectiva como testemuñas dunha visión particular do mundo.

ADEGA-Lugo pretende divulgar e poñer en valor algunhas das lendas e tradicións de Galiza a través do seu ciclo anual de ROTEIROS 2011-2012, baixo o título: ROTEIROS POLA GALIZA MÁXICA. UN PAÍS DE LENDAS.

PROGRAMA DE ROTEIROS ADEGA-LUGO 2011-2012
Data Situación Lugar da lenda Título
30 outubro O Courel Val das Mouras Labirinto encantado de penedos e castiñeiros…
27 novembro Outeiro de Rei Penas de Rodas Trabe de ouro trabe de alcatrán ..
18 decembro Ancares – Doiras-Cervantes Cerva Branca de Cervantes O anel de Aldara…
29 xaneiro Friol A Cova da Serpe A forza do amor…
26 febreiro Ribeira Sacra Cabo do Mundo

Encoro de Santo Estevo
O lar das Xacias….
25 marzo Barreiros Monte da Cornería O tesouro de Maeloc ..
22 abril Touriñán Monte Cachelmo Os cantos de Buserán…
20 maio Costa da Morte Monte Pindo Dominios da Rainha Lupa…
17 xuño Gondomar-Vigo- Pontevedra Serra do Galiñeiro Porta de acceso ao Alén…

Lugar de saída: Avenida de Ramón Ferreiro (fronte a Escola de Maxisteiro), Lugo.

Hora de saída: ás 9.00 horas, agás nos roteiros de abril, maio e xuño que será ás 8.00 horas.

Prezos: 15 € (non socios/as), 12 € (estudantes, parados, xubilados), 10€ (socios/as) e 5€ (menores de 17 anos).

Reserva de praza. Chamar a: 982240299 ou 679113718.

Exit mobile version