Site icon Crónica3.com A Mariña

O club náutico de Ribadeo contará coa distinción da Q de calidade portuaria

Referencia

Galicia posúe cinco dos dez galardóns que certifican a calidade das instalacións náutico recreativas
Os portos galegos ostentan a metade das distincións “Q” de calidade de toda España

Os clubes náuticos Portonovo, Sada, Riveira, Ría de Ares e Real Club Náutico de Vigo obtiveron xa o recoñecemento, que tamén recibirá o de Ribadeo

Santiago, 29 de outubro de 2011.- O Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) vén de outorgar un total de cinco certificados Q de Calidade aos portos galegos. Con este recoñecemento, Galicia sitúase como líder nacional ao ostentar a metade das distincións concedidas ás instalacións náutico recreativas en toda España.

Neste segundo ano de existencia do recoñecemento aos portos, recibiron o galardón os clubes náuticos Portonovo, Sada, Riveira, Ría de Ares e Real Club Náutico de Vigo, que ven así certificada a súa calidade na prestación dos servizos. Ademais, o próximo día 12 deste mes, o Club Náutico de Ribadeo pasará a engrosar a lista de premiados ao recibir tamén a Q de calidade portuaria.

Todos os clubes merecedores da Q pertencen a Asociación de Clubes Náuticos de Galicia, Asnauga, que impulsou a obtención destas certificacións a través do convenio asinado coa Secretaría Xeral para o Turismo, e coa colaboración de Portos de Galicia. Esta norma de calidade, pioneira no ámbito específico das instalacións náutico recreativas, establece uns requisitos que definen o nivel de servizo ao cliente, incrementando o valor engadido da propia instalación e impulsando o seu atractivo turístico.

As recentes certificacións de calidade na prestación de servizos dos portos galegos únense ao recoñecemento ambiental que recibiu a comunidade autónoma ao inicio do verán ao ser galardoada con 11 Bandeiras Azuis aos Portos de Galicia.

Na actualidade, estanse a desenvolver en Galicia programas de calidade turística, dentro da marca Q nos subsectores turísticos relativos a hoteis, Turismo Rural, restaurantes, axencias de viaxes, cámpings, balnearios, servizos de restauración, espazos naturais protexidos, praias, axencias de viaxes, pazos de congresos, Turismo Activo e instalación náuticas; programas nos que participan varias empresas turísticas galegas, das que 203 contan xa co distintivo Q de calidade.

Exit mobile version