Site icon Crónica3.com A Mariña

O CN de Ribadeo impartirá tres cursos de formación para conseguir títulos náuticos de recreo

Nota de prensa:
O CNR IMPARTIRÁ TRES CURSOS DE FORMACIÓN PARA CONSEGUIR TÍTULOS NÁUTICOS DE RECREO.

Ribadeo, 5 de outubro de 2011. O Club Náutico de Ribadeo porá en marcha a partires da vindeira semana un importante programa de formación. Nas súas aulas vánse impartir tres cursos: patrón de navegación básica, patrón de embarcacións de recreo e patrón de yate. Os interesados poden inscribirse nos teléfonos: 982 129 428 ou 982 131 144 ou na seguinte dirección de correo electrónico vela@clubnauticoribadeo.com

O presidente do CNR, Mario Coto, sinalou que “desde hai moito tempo levamos impartindo cursos de navegación no Club Náutico de Ribadeo e arredor de 60 ou 70 persoas contan xa co denominado titulín. Neste caso a formación foi impartida pola Federación Galega de Vela, porque así lles saían máis económicos tanto aos socios como ás persoas que non son socias do CNR”.

Coto explicou que “agora a vindeira semana poñemos en marcha estes novos cursos de patrón para navegación básica (PNB), patrón de embarcacións de recreo (PER) e patrón de yate. Nesta ocasión dita formación será impartida por unha empresa privada, buscamos unha firma que se adica a facer esto, porque xa non podemos facelo a través da Federación de Vela, e conseguimos o mellor precio posible. Todos se celebrarán nas aulas do Club Náutico de Ribadeo e en breve se darán a coñecer as datas exactas para a súa celebración”. Os interesados poden anotarse estes días, dado que algúns dos cursos arrancarán a vindeira semana, aínda que a inscrición seguirá aberta ata finais do presente mes de outubro. O límite de prazas por curso situaránse entorno ás 20.

O responsable do Club Náutico de Ribadeo anima “á xente a que se anote a estes cursos e que aproveite a oportunidade de que se fan en Ribadeo porque non os hai en todos os sitios e ademáis saen un 30 ou un 40% máis baratos do que ven sendo habitual”.

Obras pendentes

Mario Coto tamén aludiu hoxe ás obras acometidas no porto deportivo e ás pendentes que se levarán adiante durante os vindeiros meses. O presidente do CNR dixo que “a nova pasarela está rematada, pero esto é igual que ter unha botella de champán e non poder destapala, e digo esto porque a pasarela está feita pero o acceso e o peche lateral para independizala da marina seca está sen executar por causas económicas. Agardamos que os traballos pendentes estean listos antes do remate deste ano e que poidamos abrir esa botella de champán”.

O presidente do CNR anunciou que a vindeira semana manterá un encontro co presidente de Portos de Galicia “para seguir afondando nas cuestións que xa tiñamos acordadas co anterior responsable dese organismo, como é o dragado interior da dársena e o peche da bocana, que é moi importante. A semana pasada dirixímonos xa aos socios dun pantalán moi próximo á bocana, que é moi problemático no inverno, decíndolles que solicitasen o traslado porque íamos terlles as prazas para que cambien as súas embarcacións de ubicación. Estes dous asuntos serán os que lle reivindicaremos ao presidente de Portos de Galicia nese encontro que teremos en breve”.

Coto engadiu que “está pendente de iniciarse a obra de remodelación da fachada e ventanais do recinto do Club Náutico de Ribadeo. O presuposto está aprobado e adxudicado e os traballos comezarán en breve”.

Exit mobile version