Site icon Crónica3.com A Mariña

O concelleiro de Medio Ambiente de Ribadeo pide colaboración veciñal para mellorar a clasificación do lixo

Nota de prensa

HORACIO CUPEIRO PIDE COLABORACIÓN VECIÑAL PARA REBAIXAR A PORCENTAXE DE IMPROPIOS QUE SE DEPOSITAN NO CONTEDOR AMARELO EN RIBADEO. NA ACTUALIDADE ESTÁ NO 30% E ANTES DO 2015 PRETENDE CHEGAR AO 20 POR CENTO.

Ribadeo, 7 de outubro de 2011. O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, pide colaboración veciñal para rebaixar a porcentaxe de impropios que se depositan no contedor amarelo. Na actualidade está no 30% e antes do 2015 pretende chegar ao 20 por cento. O edil do BNG quere seguir na mellora continua que o Concello puxo en marcha a través do Sistema de Xestión Ambiental e da Axenda 21 Local.

Cupeiro sinalou que “todos somos conscientes da grave crise económica na que estamos inmersos na maior parte do mundo e por iso quero pedir a colaboración dos veciños para seguir na mellora continua que o Concello puxo en marcha a través do Sistema de Xestión Ambiental e da Axenda 21 Local. Así conseguiremos reducir o custe dos residuos para o Concello ou para outras institucións como poden ser a Xunta ou inlcuso o Estado. Por elo deberemos rebaixar aínda máis a porcentaxe de impropios que se depositan no contedor amarelo. Agora estabamos no 30% e debemos chegar ao 20% antes do ano 2015”.

O edil nacionalista considera que “debemos seguir sendo exemplo na recollida de vidro tal e como o fomos ata o de agora e quero lembrar que neses recipientes só se poden botar envases, non debemos depositar bombillas nin lámparas fluorescentes nin nada que non sexa un envase de vidro. E para facelo ben debémoslles sacar as tapas de metal a eses envases e depositalas no contedor amarelo e non no do vidro. Tamén debemos aplicarnos á hora de depositar o cartón plegado para facilitar a súa recollida e así rebaixar o tempo empregado para realizar esta tarefa. Si se deixan as caixas fora do contedor e sen plegar aos traballadores cando van recollelas lles leva moitísimo tempo, entorpecen o paso polas rúas…”.

Punto limpo

Horacio Cupeiro tamén se referiu ao punto limpo, “cando os veciños queiran enviar algo ao punto limpo deben avisar ao Concello e non deixar ao lado dos contedores neveras, televisores ou colchóns, porque todos os días unha persoa ten que andar controlando onde de producen estas incidencias. Para iso está o punto limpo e os impresos que se poden cubrir no Concello ou chamando por teléfono para proceder á súa recollida. Os impactos ambiantais que se crean en Ribadeo son impresionantes con estes comportamentos”.

Excrementos

O concelleiro de Medio Ambiente pídelle á cidadanía “que se depositen os residuos cando imos de paseo nas papeleras, non parece lóxico que tiremos as bolsas de pipas ou de galletas no chan. Non costa nada levalo ás papeleras que temos situadas por todo o concello. Outra das cousas que tamén estamos a sofrir e na que insistimos moito nos últimos anos é en tentar convencer ás persoas que teñen mascotas de que recollan os seus excrementos. Hai moita xente que está farta de ver a persoas que van cos seus cans e deixan na rúa ou no césped os seus excrementos, os nenos despois andan por enriba da herba e non parece moi hixiénico. Pídolles a todos eles que nos boten unha man”.

Por último Cupeiro tamén fai unha chamada “para que fagamos un uso responsable da auga e máis da electricidade. No caso da auga sofrimos o ano máis seco dos últimos cincuenta anos e entre todos debemos colaborar para deixar aos nosos heredeiros un mundo máis habitable. En Ribadeo estou contento pola colaboración veciñal e si seguimos así seremos un pobo exemplar”.

Exit mobile version