Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo aporta 3.915 euros en axudas para material a escolares para segundo ciclo e infantil

Nota de prensa

O CONCELLO OUTORGA MÁIS DE 3.900 EUROS EN AXUDAS PARA A COMPRA DE LIBROS E MATERIAL ESCOLAR PARA OS ALUMNOS DO SEGUNDO CICLO DE EDUCACIÓN INFANTIL

Nesta convocatoria do presente curso 2011-2012 recibíronse no Concello un total de 39 solicitudes, das cales 33 foron as que se axustaban ás bases para ter dereito a percibir estas axudas

Cervo, 18 de outubro de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a concelleira de Educación, Yolanda Pedreira, anunciaron hoxe a resolución da convocatoria de axudas do actual curso 2011-2012 para a compra de libros e material escolar para os alumnos de Segundo Ciclo de Educación Infantil que cursan estudios no concello.

Segundo lembrou o rexedor, este tipo de axudas á escolarización non está cuberto por ningunha outra administración e forman parte dun programa posto en marcha dende hai tres anos polo Concello de Cervo a través da súa Concellería de Educación.

Na presente convocatoria recibíronse no Concello un total de 39 solicitudes (pertencentes a 43 alumnos), das cales 33 foron as que se axustaban ás bases para ter dereito a percibir estas axudas segundo a comisión avaliadora responsable de outorgar estas axudas. A contía total destas subvencións ascende a 3.915 euros e as cantidades asignadas a cada un dos beneficiarios oscila entre os 100 euros e os 130, dependendo do nivel de renda de cada un deles.

O alcalde salientou a importancia deste tipo de subvencións “porque consideramos prioritario axudar na medida das nosas posibilidades ás familias con rapaces en idade escolar nestes tempos de dificultades económicas e de crise”. Villares recalcou que a Educación é un piar fundamental para a sociedade “e por iso, cada ano intentamos redobrar os esforzos encamiñados á súa mellora” indicou.

Coincidindo co inicio do curso escolar, a concellería de Educación do Concello de Cervo convoca anualmente a liña de axudas municipais para a adquisición de libros e material escolar destinada aos alumnos do segundo ciclo de Educación Infantil do concello.

Nesta convocatoria -aberta o pasado mes de xuño- podían optar ás axudas aquelas unidades familiares empadroadas no municipio que tiveran fillos de tres a cinco anos (segundo ciclo de Educación Infantil) cursando estudios nalgún dos centros educativos do término municipal e que a súa renda familiar non superara o 150% do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) per cápita.

Exit mobile version