Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello está xestionando a ampliación da rede de gas ao núcleo de Cervo

Nota de prensa:
O CONCELLO EXECUTOU AS OBRAS DE REXENERACIÓN DO VIAL DA RÚA DO FARILLÓN, EN SAN CIPRIÁN

Os traballos realizáronse ao abeiro dun convenio subscrito coa empresa Gas Galicia

O grupo de Goberno está xestionando coa empresa gasística a ampliación da rede ao núcleo de Cervo

Cervo 22 de outubro de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, xunto coa delegada de Facenda, Tania González, anunciaron no día de hoxe que os traballos de rexeneración do vial da rúa Do Farillón, de San Ciprián, foron xa rematados.

O rexedor indicou que estas obras de rexeneración con rego asfáltico en quente da estrada desta rúa son froito dun acordo entre o Concello e a empresa Gas Galicia, encargada da realización da nova rede de subministro deste servizo no concello. Segundo dixo, estas xestións -consistentes no compromiso da empresa gasística de rexenerar algunhas das vías rodadas polas cales se está a despregar a rede de subministro- xa posibilitaron a renovación do asfaltados noutras estradas como nas das rúas do Xunco e do Cobo, tamén de San Ciprián.

Ampliar a rede ata Cervo

As obras de subministro de gas no termo municipal de Cervo iniciáronse a comezos do 2010 coa construción da planta de distribución no polígono de Cuíña; continuando polos nos núcleos de San Ciprián, Galdín e Río Cobo. Segundo dixo Villares, o equipo de Goberno local está mantendo contactos cos responsables de Gas Galicia para tentar ampliar a rede ata o núcleo de Cervo. “A nosa intención é continuar nesta liña de traballo e procurar axilizar dentro das nosas posibilidades tódolos trámites que sexan da nosa competencia para facilitar na medida do posible que o núcleo de Cervo poda dispoñer do servizo de gas canto antes, xa que existen varias empresas importantes asentadas nesta zona que están interesadas en poder contar con este servizo; así como o propio concello” asegurou o alcalde.

Villares salientou que esta ampliación da rede gasística ata Cervo poderá beneficiar tamén ás vivendas que se atopen dentro do novo trazado “ampliando así o número de veciños que poderán disfrutar a custes rendibles desta enerxía alternativa, a cal, esperemos que se vaia estendendo paulatinamente polo noso termo municipal nun breve espazo de tempo” sinalou.

Exit mobile version