Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo non ten ao día as contas e ten débedas de uns 65 mil euros dende hai un ano, explica o PSOE

Nota de prensa

O CONCELLO DE CERVO PRESUME DE SUPERÁVIT CANDO TEN DÉBEDAS SEN PAGAR DE CASE 65.000 EUROS DENDE HAI UN ANO

-Os socialistas aseguran que o equipo de goberno do señor Villares “non pode falar de bo estado das contas municipais cando debe facturas a SOGAMA dende outubro de 2010”

-O GMS pide que “se salde esta débeda canto antes porque a xestión da recollida de residuos é imprescindible para tódolos veciños”

CERVO, 18 DE OUTUBRO. O Grupo Municipal Socialista advirte ó equipo de goberno que debe saldar as débedas que mantén con proveedores e empresas que traballan para o Concello porque se non o superávit do que presumen verase gravemente perxudicado. “Non se pode falar do bon estado das contas municipais cando o Concello ten facturas sen pagar dende hai meses”.

As entidades públicas deben ser as primeiras en facer un gran esforzo á hora de pagar ás empresas prestadoras de servizos, e neste caso, “o Concello de Cervo non ten ó día as contas con algunhas delas, é o caso, por exemplo, de SOGAMA, compañía encargada da xestión dos residuos urbanos no municipio”.

Os socialistas subliñan que “en concreto, débense facturas dende outubro de 2010 por un total de 64.723 euros. Ademais, a empresa asegura que o Concello xa foi alertado da situación en diversas ocasións a través de diferentes comunicados. Dende o GMS pedimos ó señor Villares que non sexa ésta a forma de actuar, é imposible consentir que existan facturas atrasadas de hai un ano. Non queremos ter que lamentar problemas maiores para os veciños de Cervo”.

Dende o GMS engaden que “o equipo de goberno non se pode permitir falar da boa situación das contas municipais cando están presentes este tipo de comunicados. É moi fácil conseguir superávit se non se pagan as facturas ás empresas contratadas polo Concello. Esiximos que o equipo de goberno salde estas débedas canto antes xa que ademais o servizo prestado por SOGAMA é imprescindible para o funcionamento diario do municipio e moi necesario para tódolos veciños”.

Exit mobile version