Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo rebaixarán ata un 60% a licencia de apertura para establecementos comerciais

Referencia

Incluirá unha bonificación do 95% no imposto municipal sobre construción, instalacións e obras para as industrias que se instalen nesta zona industrial

O GOBERNO CERVENSE IMPULSA A CREACIÓN DE EMPREGO MEDIANTE INCENTIVOS AO ASENTAMENTO DE EMPRESAS NO POLÍGONO DE CUÍÑA

Cervo, 21 de outubro de 2011.- Ao remate da reunión da comisión de Contas, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a delegada de Economía, Tania González,anunciaron que o equipo de Goberno local someterá a aprobación por parte do pleno municipal, na sesión que se celebrará a vindeira semana, a modificación da actual ordenanza municipal de licencia de apertura de establecementos para adaptala á normativa legal vixente.

Segundo indicou Tania González, o goberno cervense aproveitará tamén esta modificación para suprimir dous coeficientes impositivos existentes na actual ordenanza. “Esta supresión traerá consigo unha baixada considerable, de ata un sesenta por cento, do importe das taxas a pagar por aqueles establecementos, empresas e industrias que desexen asentarse no termino municipal” salientou a responsable de asuntos económicos no consistorio.

Imposto sobre construcións

Por outra parte, o alcalde indicou que o grupo de Goberno tamén ten previsto modificar o imposto municipal sobre construcións, instalacións e obras (ICIO). Na actualidade, a cota tributaria deste imposto é do 2% sobre o orzamento da execución material, e na modificación incluirase unha bonificación do 95% para aquelas empresas, comercios e industrias que se queiran asentar no polígono industrial de Cuíña.

Villares indicou que estas dúas medidas pretenden dar facilidades aos emprendedores e incentivar o asentamento comercial e industrial no concello para conseguir acadar un obxectivo final: a creación de postos de emprego. “Desde o Goberno local consideramos que debemos poñer a disposición de tódolos emprendedores as mellores facilidades para poder levar adiante os seus proxectos e a súa actividade; ben sexa comercial, industrial ou empresarial; porque si así o fan será algo que redundará no beneficio de tódolos cervenses, porque o factor fundamental que nos move neste eido é o apoio á creación de emprego, sobre todo nos actuais tempos de crise nos que estamos inmersos ” sinalou o rexedor.

Exit mobile version