Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo vai subir o prezo da auga un 41% e o imposto sobre vehículos

Nota de prensa:
A COMISIÓN DE CONTAS ABORDARÁ MAÑÁ A ACTUALIZACIÓN DAS ORDENANZAS FISCAIS

Unha boa parte destas ordenanzas procederán á súa actualización conforme ao IPC (índice de prezos ao consumo). Así mesmo, modificarase a ordenanza reguladora do imposto de circulación de vehículos de tracción mecánica e a do abastecemento de auga

Cervo, 20 de outubro de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, convocou para mañá venres, 21 de outubro, unha reunión da Comisión de Contas municipal co obxecto de dar a coñecer aos seus integrantes a proposta do grupo de Goberno de levar a Pleno a próxima semana a actualización das ordenanzas fiscais que rexen neste concello.

Segundo Villares, unha boa parte destas ordenanzas procederán á súa actualización conforme ao IPC (índice de prezos ao consumo). Así mesmo, modificarase a ordenanza reguladora do imposto de circulación de vehículos de tracción mecánica e a do abastecemento de auga. Respecto a esta última o rexedor dixo que a actualización de prezos no subministro de auga ben motivada pola posta en marcha da nova rede de abastecemento e da nova estación de tratamento da Senra. “Dende a posta en marcha desta nova infraestrutura compartida con Burela, o conxunto dos veciños do noso concello melloraron moito en canto á calidade do servizo, ao tempo que todos os núcleos do nosos termino municipal teñen garantido o subministro de auga en tódalas circunstancias” lembrou o alcalde.

O rexedor adiantou que, segundo os datos elaborados polo Servizo de Intervención Municipal, o custe anual deste renovado e mellorado servizo vai supoñer 298.922,66 euros ao ano para o conxunto dos veciños do termino municipal. “O que pretendemos é recadar o máximo posible dentro desta cantidade e, polo tanto, vémonos obrigados a actualizar á alza a taxa de subministro; que pasará de 0,44 euros o metro cúbico a 0,62” adiantou o rexedor. Villares tamén indicou que con estes novos prezos a recadación municipal polo subministro de auga pasaría a estar en torno aos 286.777,87 euros, e habería unha diferencia de 12.145,79 euros que será sufragada polo Concello de Cervo con cargo aos presupostos municipais.

Imposto de Circulación

Nesta proposta de actualización das ordenanzas fiscais o equipo de Goberno tamén incluirá a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica. A este respecto o alcalde lembrou que a devandita actualización forma parte das medidas comprometidas no plan económico-financeiro aprobado en 2009 en sesión plenaria. Na actualidade, Cervo está aplicando o coeficiente máis baixo permitido pola Lei de Facendas Locais. “Segundo ven marcado por lei, os concellos podemos aplicar un coeficiente que vai do o 1 ao 2. Nestes momentos estamos aplicando o coeficiente 1 e con esta modificación o que pretendemos é pasalo ao 1,18; ao tempo que manteremos a exención desta taxa por minusvalía e por vehículos históricos, tal e como víñamos tendo ata o momento outro apartado ” sinalou Villares.

Exit mobile version