Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Burela convoca un pleno extraordinario para modificar as ordenanzas e subir o prezo da auga

Nota de prensa

O CONCELLO MANTÉN PARA O VINDEIRO ANO OS PREZOS QUE AFECTAN Á ACTIVIDADE ECONÓMICA E Á DEPENDENCIA. GONZÁLEZ BARCIA SUBLIÑA QUE “CUMPRIMOS O QUE PROMETIMOS”. O EQUIPO DE GOBERNO CREA A ORDENANZA QUE REGULA O USO DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS E ADAPTA OS PREZOS DA AUGA Á ORDENANZA REGULADORA DO ABASTECEMENTO A CERVO E BURELA.

Burela, a 20 de outubro de 2011. O Concello de Burela celebrará o vindeiro mércores un pleno extraordinario no que se aprobará a modificación das ordenanzas municipais para o ano 2012.

O rexedor burelés, José María González Barcia, manifestou que “as ordenanzas das licencias de apertura, cemiterio municipal, servizo a domicilio, IBI ou contribución urbana, e as respectivas ordenanzas do imposto de construcións e obras, actividades económicas, xunto coa de mesas e sillas en terrazas, non sofren ningún tipo de variación”. E explicou que “son ordenanzas que afectan, algunhas, á actividade económica no noso termo municipal e polo tanto non soben, tal e como manifestamos no noso programa electoral. A de servizo a domicilio tampouco cambia, porque entendemos que a atención a dependentes debe primar dentro da actividade do concello”.

González Barcia lembrou que o PP manifestaba no seu programa electoral que non se subirían os impostos, “e así está sendo”.

O alcalde indicou que “se crean dúas ordenanzas novas, unha delas referida ao cobro polo uso das instalacións deportivas. Foron precisamente os usuarios do campo de herba artificial e das pistas de tenis e pádel os que nos pediron que se aplicaran prezos públicos polo uso de ditas instalacións; deste xeito, por usar unha das pistas unha hora pagaranse tres euros, e por usar unha hora o campo de herba artificial pagaranse vinte euros. E entrará en vigor outra nova ordenanza, a de uso das instalacións municipais para vodas civís”.

González Barcia tamén explicou que vai subir o prezo da auga, “as novas instalacións garanten o subministro da auga e a súa calidade, e ademais o consorcio aprobou unha ordenanza regulando os prezos da auga. Nós temos que adaptar os nosos prezos a esa ordenanza, polo que o prezo do metro cúbico vai ser de 0’62 euros, exactamente o mesmo prezo que en Cervo. A subida ten a súa importancia, pero reitero que temos garantido o subministro e a calidade. En cambio, o alcantarillado e a recollida de lixo, non soben, actualízanse co índice de prezos ao consumo, tal e como marca a lei”.

O alcalde burelés indicou que “nas reunións que estamos a celebrar polo barrios estamos explicando estas cuestións, porque entendemos que o noso deber é precisamente dicirlles aos cidadáns a onde van parar os impostor que pagan”.

Exit mobile version