Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Burela ocupase na edición dunha publicación conmemorativa o centenario do cemiterio parroquial

Nota de prensa

BURELA COMEZOU A PREPARAR O CENTENARIO DO CEMITERIO PARROQUIAL. BARCIA E PEDRE REUNÍRONSE CO CRONISTA OFICIAL E CO PÁRROCO PARA DEFINIR A PUBLICACIÓN QUE SE VAI EDITAR.

Burela, 28 de outubro de 2011. O equipo de goberno comezou a planificar nas últimas horas a conmemoración do centenario do cemiterio parroquial de Burela, ubicado na zona coñecida como Bouza dos Picos.

Nunha reunión, á que asistiron o alcalde, José María González Barcia, a concelleira de Cultura, Mónica Pedre, o cura párroco, Ramón Marful, e o cronista oficial burelés, Benjamín González Quelle, quedaron moi definidos os actos a celebrar de cara á indicada conmemoración.

Segundo apuntou Mónica Pedre, “está previsto editar unha publicación na que se recollerá un traballo do cronista oficial, Benjamín González Quelle, así como outros de varias persoas da vila, entre elas Emilia García, Herminia Pernas, Bríxida Pino e Luis Miguel Pedre, co fin de contemplar o cemiterio parroquial desde distintos ángulos e puntos de vista, desde o puramente relixioso ata a divulgación de datos sobre a súa construción, custos, etc”.

A concelleira de Cultura indicou que “para a vindeira semana está prevista unha nova reunión, con todas as persoas indicadas, para definir exactamente os distintos aspectos que cada unha delas abarcará nos seus escritos”. E subliñou que “de ser posible, farase coincidir a edición da publicación coa data de apertura do cemiterio, aínda que en todo caso a edición efectuarase no vindeiro ano 2012, no que se cumpre o centenario do camposanto burelés”.

Así mesmo, está prevista a colocación dunha lápida onde se atopa enterrado o cura párroco que promoveu a construción do cemiterio, e a colocación dunha placa conmemorativa á entrada do recinto. Mónica Pedre invitou “aos veciños e veciñas de Burela que teñan fotografías ou documentos relacionados co cemiterio parroquial a que os cedan temporalmente ao Concello para a súa dixitalización, coa garantía de que serán devoltos en cuestión de días. Igualmente, agradeceu de antemán a colaboración de total dispoñibilidade das persoas coas que se contactou para que a publicación sexa posible”.

Finalmente, Pedre manifestou que “a pretensión é que a publicación sexa sinxela, así como os actos de conmemoración do centenario do cemiterio”.

Exit mobile version