Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Cervo leva a pleno o recurso de reposición contra a sanción da Deputación por colocación de postes

Nota de prensa:

OS MEMBROS DA CORPORACIÓN DEBERÁN PRONUNCIARSE SOBRE A PETICIÓN DA ALCALDÍA DE SOLICITARLLE Á DEPUTACIÓN A NULIDADE DA SANCIÓN POLA PRESUNTA COLOCACIÓN INDEBIDA DUNS POSTES PARA FACER AS OBRAS DO SANEAMENTO DA SENRA

Cervo, 8 de outubro de 2011.- O vindeiro xoves, 13 de outubro, os membros dos tres grupos políticos na corporación municipal de Cervo deberán pronunciarse publicamente sobre a petición que ten pensado realizar o Grupo de Goberno local diante da Deputación de Lugo para que se lle estime o recurso de reposición interposto contra a sanción de 20.000 euros imposta polo organismo provincial pola presunta colocación indebida duns postes de tendido eléctrico necesarios para facer as obras do saneamento do burgo da Senra.

O mandatario local, Alfonso Villares, lembrou que, de non saír adiante este recurso “e a anulación desta sanción non prospera”, o Concello de Cervo “verase na obriga de defenderse onde faga falta e se ten que ser nos tribunais, pois irá aos tribunais” recalcou o alcalde.

Na proposta de alcaldía que se debaterá no pleno do xoves inclúese a relación cronolóxica dos feitos acaecidos en torno a este contencioso administrativo e xustifícase a necesidade de que a Deputación anule devandita sanción en base aos seguintes argumentos:

A primeira noticia que ten o Concello do incumprimento das condicións fixadas pola Deputación na utilización do espazo público de competencia provincial foi o 14 de febreiro.

Dous días despois (16 de febreiro), o Concello informou da incoación deste expediente á Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos da Xunta de Galicia (directora das obras); a cal, mediante escrito do 25 de febreiro de 2011, ordénalle á empresa executora dos traballos paralizar os mesmos e subsanar todas as deficiencias. Así mesmo, no seu escrito, o organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente fai constar tamén que o alcalde “destacou a mala execución deste tendido eléctrico situado no marxe da estrada da Deputación de Lugo e insistiu na necesidade da presenza a pé de obra dun encargado da empresa adxudicataria”.

O 15 de marzo a asistencia técnica da obra redacta un informe a petición do director da obra, onde se pon de manifesto que a empresa contratista xa corrixira as incidencias obxecto da sanción da Deputación.

En dúas ocasións, o Concello de Cervo comunicou á Deputación a retirada dos postes e a reposición ao seu estado inicial da marxe da estrada provincial, solicitando en ambas o arquivo do expediente sancionador.

Para o rexedor, con estes destes datos queda demostrado que o Concello “obrou con dilixencia e axilidade na solución da problemática acontecida. En menos dun mes desde que tivemos constancia da primeira comunicación, os postes foron retirados”. Lembrou que un dos principais cometidos das Deputacións Provinciais é prestar asistencia, apoio e colaboración aos concellos. “Por iso -asegurou- xa non só resulta sorprendente e contraproducente que se leve adiante o proceso administrativo sancionador, se non incluso a desproporcionada sanción imposta; que máis ben responde a unha actitude de fustigación, persecución política e abuso de poder contra o Concello de Cervo e contra dos seus veciños”. Na proposta tamén se fai constar como “totalmente incomprensible á luz da lóxica e da legalidade“ que “unha vez se restituíu o medio físico ás súas condicións anteriores este ente provincial insista na imposición da sanción desorbitada de 20.000 euros que teñen que pagar todos os veciños de Cervo, improcedente incluso en atención ás dificultades económicas que atravesan os concellos na actualidade”.

“Esperamos que todos os grupos da Corporación municipal, como representantes dos veciños deste concello -e polo tanto, defensores dos seus intereses- apoien esta solicitude á Deputación de que anule e deixe sen efecto esta sanción” recalcou o mandatario cervense.

Exit mobile version