Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Ribadeo informará das axudas da Reserva da Biosfera para correxir impactos ambientais e visuais

Nota de prensa

O EQUIPO DE GOBERNO INFORMARÁ AOS VECIÑOS DAS PARROQUIAS DA NOVA LIÑA DE AXUDAS PARA A CORRECCIÓN DE IMPACTOS AMBIENTAIS E VISUAIS NO TERRITORIO, QUE ACABA DE SACAR A ASOCIACIÓN DE CONCELLOS DA RESERVA DA BIOSFERA DA QUE FORMA PARTE RIBADEO. O PRAZO DE SOLICITUDE ESTARÁ ABERTO ATA O 15 DE DECEMBRO.

Ribadeo, 27 de outubro de 2011. A asociación de concellos da Reserva da Biosfera saca unha nova liña de axudas para a corrección de impactos ambientais e visuais no territorio. O prazo para poder solicitar as subvencións estará aberto ata o vindeiro 15 de decembro. O Concello de Ribadeo enviará comunicacións aos veciños das parroquias para informalos desta posibilidade.

O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “por segundo ano consecutivo queremos desde esta asociación de concellos da Reserva da Biosfera, da que forma parte Ribadeo, volver a sacar outra nova liña de axudas similar á do 2010, que tivo moi boa acollida entre a xente, sobre todo en aquelas actuacións de correccións de impactos ambientais á hora de poder amañar casetos, cabanóns, palleiras, fornos, hórreos, etc”.

Suárez Barcia contou que “agora acabamos de abrir unha nova liña de axudas a estes proxectos para a corrección de impactos ambientais. O prazo estará aberto ata o 15 de decembro deste 201. Desde o Concello de Ribadeo enviaremos comunicacións aos domicilios das parroquias informándoos desta posibilidade que se lles presenta”.

Nesta nova convocatoria de axudas hai novidades importantes. O rexedor explicou que “seguimos tendo como límite máximo 6.000 euros de subvención, pero a diferencia do ano anterior cambiáronse varios criterios á hora de poder elevar a porcentaxe da subvención. Concretamente para a demolición de construccións e elementos ruinosos ou que supoñan un impacto notable a contía da subvención poderá chegar ata o 80%, en restauración de construccións de tipo tradicional en hórreos, cabazos, palleiras… o importe das axudas poderá chegar ata o 70%, e finalmente outras obras de corrección de impactos visuais en edificacións anexas outorgándose especial relevancia ao cambio de cubertas de fibrocemento, o que se coñece popularmente como uralita, poderán chegar ao 50%”.

Fernando Suárez subliñou que “a xente que estea interesada en recibir máis información pode vir aquí ao Concello á oficina municipal de rehabilitación de luns a venres e animo á xente, aínda que sei que os momentos económicos non son bós, porque é unha pena que se perdan as axudas. O ano pasado nos 14 concellos que formamos parte da Reserva todos as pediron e si a xente de Ribadeo non as pide outros doutros concellos estou seguro de que collerán a parte que lle poida corresponder a Ribadeo”.

Exit mobile version