Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno provincial reprocha que a Xunta antepoña as residencias privadas as publicas da Deputación

Nota de prensa

O goberno cualifica de “desfachatez” que a Xunta priorice residencias privadas e no eixo atlántico, discriminando as públicas da Deputación

– O Pleno acordou, cos votos en contra dos populares, instar á Xunta a cumprir a súa competencia e o seu compromiso político, promesa que fixo 6 días antes das eleccións, e que o propio José Manuel Barreiro ratificou na web oficial do PP

– O Deputado reprocha que o Goberno galego siga sen interesarse pola rede de residencias provincial cando é a súa obriga, está avalada por informes especializados e está respaldada por Concellos de todas as cores políticas

– Os 25 Deputados farán público o seu patrimonio tras saír adiante a proposta realizada por Gómez Besteiro, quen avanzou que o regulamento elaborado para facer posible este “exercicio de transparencia” será remitido ós Concellos para que tamén poidan aplicalo

O Pleno da Deputación aprobou este martes, cos votos en contra do Partido Popular, instar á Xunta de Galicia a concertar prazas nas 13 residencias da terceira idade que construirá noutros tantos Concellos da provincia, tal e como se comprometeu o Goberno galego en diversas ocasións, a última 6 días antes das eleccións e por escrito nunha carta enviada pola Conselleira de Traballo, Beatriz Mato, ó Alcalde da Fonsagrada. O Deputado de Cooperación cos Concellos, Juan José Díaz Valiño, lembrou que este promesa foi ratificada posteriormente polo propio José Manuel Barreiro na páxina web oficial do PP. Precisamente Valiño, quen neste caso actuou como voceiro do equipo de goberno, denunciou publicamente a falta de compromiso da Xunta cando está a concertar prazas en xeriátricos de iniciativa privada de Lugo. “Isto si que é desfachatez, e non facelo coas públicas. Sabe vostede o que nós realmente facemos: construír as residencias que non fai a Xunta de Galicia, a pesar de que isto é competencia dela. O señor Feijóo non le nada, nin sequera as cartas que lle enviou o señor Presidente, ata 7 veces se puxo en contacto para que o reciba. Esta é a clave, a pesar de que digan que nós facemos o mesmo e non recibimos ós Alcaldes do PP. Dígolles máis, no que vai de mandato o Presidente xa mantivo encontros cos das Nogais, Palas de Rei, Vilalba ou Foz”.

A este respecto, sinalou que “con vostedes é imposible: cando teñen que esixirlle a un goberno amigo algo para a provincia, antepoñen os seus intereses partidistas esquecendo ós seus representados. Isto si que é grave, ou teño que lembrarlles que en novembro aprobamos por unanimidade o mapa de residencias da Deputación. Agora preguntámonos para que sirve a súa palabra…. Estamos demostrando que nós temos outra altura de miras, estamos orgullos de cambiar as políticas con esta provincia. Sabemos que o goberno de Feijóo vive nun autismo político permanente. O que non sabiamos era que vostedes estaban tamén nesta situación. As institucións tamén teñen obrigas, que teñen que ser acometidas aínda que ninguén llas solicite. A Feijóo xa non lle serven escusas de mal pagador”.

O incumprimento da administración autonómica con respecto ó funcionamento da rede provincial de residencias está bloqueando estas instalacións, cuxa construción está avalada por análises especializadas sobre a situación dos servizos sociais na provincia. A este respecto, Díaz Valiño reprochou ó Partido Popular que no seu mapa de infraestruturas residenciais priorice o eixo atlántico, quedando relegada a provincia de Lugo ós últimos postos. “O equipo de goberno deu un xiro radical a SUPLUSA para priorizar unha demanda clara de servizos sociais, pero polo que parece estes non interesan. Contradinse vostedes mesmos, a Conselleira de Benestar acaba de presentar a súas prioridades para a creación de prazas públicas en Galicia e sabe onde priorizan? Santiago e Pontevedra, é dicir, o eixo atlántico. E o peor é que din que é por xustiza territorial. É dicir, que en Lugo e Ourense hai moita dotación, polo que eu me pregunto se isto é serio e se a señora Mato coñece a realidade territorial de Galicia”, apuntou o Deputado.

Hai numerosos estudos especializados que contradín as argumentacións da Xunta. É o caso do Mapa Galego de Equipamentos Sociais, segundo o que Lugo ten un déficit de prazas residenciais e necesita 2.268 para acadar os ratios mínimos de cobertura social. En canto a que a poboación lucense maior de 65 anos baixará na próxima década, outro dos argumentos da Xunta para deixar a Lugo fóra das súas previsións, un estudo recente do Instituto Nacional de Estatística (INE) tamén contradí a previsión da Administración autonómica ó concluír que os lucenses que superen os 65 anos en 2021 representarán o 29% da poboación, dous puntos máis do que supón na actualidade.

Diferenza de investimento

Ademais desta discriminación, existe unha gran diferenza entre o investimento da Deputación e o da Xunta en materia de servizos sociais, que se demostra nos Orzamentos que vén de aprobar o Consello autonómico. Soamente cos 15,5 millóns de euros previstos para as residencias, o organismo provincial dedica un 91% máis co Goberno galego nos nos Presupostos de 2012, que apenas reservan 1,3 millóns para obras nos centros de protección infantil de Baleira e Paradela e para reparacións en instalacións de servizos sociais en Lugo. Ante esta situación, o Presidente instou directamente á Xunta a que recapacite e mostre o seu apoio ós centros da terceira idade da Deputación.

No marco da mesma proposta de goberno, o Pleno aprobou reclamar á Xunta que constrúa a residencia de Becerreá, tal e como prometeu Feijóo no ano 2009, antes de ser investido Presidente. A Deputación asumiu a redacción do proxecto técnico, que será adxudicado o vindeiro para ser posto a disposición do Goberno galego co obxectivo de que este o execute canto antes.

En favor da transparencia

Por outra banda, a Corporación provincial aprobou por unanimidade a proposta do Presidente de modificación do Regulamento Orgánico para facer público o patrimonio dos 25 membros da Corporación provincial. Este cambio na normativa permitirá unha maior transparencia na xestión do organismo provincial e será remitido a todos os municipios de Lugo para que, no marco da intensa política de cooperación cos Concellos que desenvolve a Deputación, poidan adaptalo e facer público tamén o patrimonio de Alcaldes e Concelleiros.

Trátase dunha modificación necesaria xa que polo de agora en dito texto figura que a publicación do patrimonio dos membros da Corporación é facultativa e non obrigratoria. O Regulamento Orgánico xa foi modificado recentemente a proposta do actual equipo de Goberno, incrementando o dereito a toda a información sobre a institución provincial. Era un texto do ano 86 que se atopaba obsoleto nesta materia e que privaba ós membros da Corporación de acceder a todo tipo de documentación sobre a actividade que desempeña a Deputación.

Maior representación na Autoridade Portuaria

A Corporación provincial tamén abordou no Pleno de hoxe reclamar unha maior presenza da provincia no Consello de Administración da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao para acabar co “trato discriminatorio” que sofre a Costa lucense en canto ó reparto de investimentos da institución portuaria, pois, mentres na zona da Mariña limítanse ó arranxo e mantemento de faros e balizas, na de Ferrol adícanse a grandes actuacións dirixidas a potenciar tanto a actividade económica como a apoiar actividades de carácter social e cultural. Esta situación é totalmente anómala, tendo en conta que, por exemplo en 2010, o peirao de San Cibrao xerou 3 millóns de euros polo cobro de taxas e canons, e só recibiu 650.000 euros en investimento, e dicir, unha quinta parte.

Na actualidade, Lugo está representado no consello reitor da Autoridade Portuaria por un único vogal, que é designado alternativamente polos Concellos de Cervo e Xove. A proposta saíu adiante co apoio do equipo de goberno e coa abstención do PP. Agora será remitida á Consellería do Mar, competente na materia, para que adopte as decisións oportunas.

Exit mobile version