Site icon Crónica3.com A Mariña

O ladrillo ten que baixar moito máis

O LADRILLO TEN QUE BAIXAR MOITO MÁIS

O mercado inmobiliario quedouse en punto morto. Os promotores e construtores da bisbarra estaban esperando o verán como auga de maio para meter algún carto no peto ou para amortecer as débedas que teñen con bancos ou caixas pero a realidade foi un fiasco.

Non existen sinais de recuperación e ninguén se atreve a aventurar cando tocará fondo nin durante canto tempo se prolongará o derrube. As vendas continúan coa súa esborralle. Din que este verán vendéronse na Mariña un 38% menos de vivendas que o ano pasado e marcan novos mínimos históricos. O sector do ladrillo atópase no centro dunha tormenta perfecta cuxo orixe hai que buscalo nas malas perspectivas económicas, o deterioro da capacidade adquisitiva dos mariñáns e a nula compra de segunda vivenda por parte de madrileños e afíns , todo isto empeorado por anos de crises e unhas entidades financeiras que non se deciden , nin poden abrir a billa do crédito.

A venda de inmobles converteuse nunha quimera. Por toda A Mariña as terrazas con carteis de véndese» convertéronse nun elemento case inherente á paisaxe urbana da costa. Os expertos coinciden en que a solución a curto prazo pasa por unha inevitable rebaixa dos prezos; e iso que, segundo datos oficiais, as cifras xa recollen un descenso do 25% de media con respecto ao momento álxido da burbulla inmobiliaria, en 2007. Din tamén que non se trata dunha nova recaída do sector, é o axuste que non se chegou a realizar, a drenaxe do «stock» de inmobles sen vender, só é posible cun recorte adicional de entre o 30 e o 40% na valoración dos pisos.

É certo que o mercado é heteroxéneo: vivendas de segunda man baleiras. Pisos e apartamentos novos , vivendas a medio construír, casas e pisos hipotecados e embargados. Pero os expertos cren que a baixada deberá de ser xeneralizada e que no caso das residencias de costa, hai moito produto invendible, que non se colocará nunca a un prezo razoable.

Máis aló da perda de atractivo económico da vivenda, antes escoitábase : “Vou mercar un piso aquí na Mariña e ademais de vir de vacacións un mes é unha inversión segura cada ano soben e moito”, iso acabouse, pero o principal freo á demanda constitúeno as dificultades de financiamento, os receos da banca á hora de conceder hipotecas. Si as entidades non financian non se pode comprar.

Inmobiliarias e promotoras acusan á banca de ofrecer facilidades de financiamento case de forma exclusiva aos compradores dos pisos que figuran ao seu nome tras embargos.

Lamentablemente, a crise alárgase. Os últimos datos apuntan claramente a que o enfermo non mellora. E A Mariña terá por moito tempo esqueletos de formigón como os de Barreiros, San Ciprian, Foz, Viveiro…..

Otero Regal

Exit mobile version