Site icon Crónica3.com A Mariña

O mantra da crise

O MANTRA DA CRISE

O pasado 16 de Outubro foi o día mundial da alimentación, proclamado para concienciar
ás poboacións sobre o problema alimentario e fortalecer a solidariedade na loita contra a fame, a
desnutrición e a pobreza. Éste debería ser un día para recordar e festexar, pero, en realidade, o
que teríamos que facer é indignarnos. Máis de mil millóns de persoas están a pasar fame agora
mesmo. Por primeira vez, dende hai moito tempo, o número de esfameados está a medrar.
O máis sinxelo que podemos pensar é culpar á crise, que coa que está a caer non se pode
facer nada e outras moitas escusas baratas. Pero o problema non é a crise, son as solucións que
se están impoñendo para saír desta… RECORTAR, RECORTAR, RECORTAR… parece un
mantra.
Os recortes o que provocan é que a axuda ao desenrolo dos países máis desfavorecidos,
que segundo acordos que se asinaron nos tempos de bonanza e de vacas cheas sería do 0,7%
do PIB de cada país do “primeiro mundo”; non se achegue ao 0,3%. Os países poderosos non
cumpren, non soamente coa súa palabra, senón tamén co seu deber moral. Quizais deberíamos
explicarlles que ese mesmo mantra é unha gran mentira, que recortar é unha trampa; ao facelo
empezan a fraquear as cousas esenciais e básicas. E cando as cousas básicas se deixan de lado
estamos facendo que entren no mercado da especulación e pasen a estar nas mans privadas, as
que empezan a manexar o que debería ser público e de todos, e esas cousas non deberían,
xamais, ser un negocio no que se poidan lucrar os catro espabilados de sempre.
Ese mantra, na miña opinión, é unha mentira por moitas outras cousas. Na España das
“Comunidades Autónomas”, estas son as que máis recortaron en Axuda ao desenrolo, case un
25% no último ano, e non quero meterme noutros recortes como en sanidade, educación ou
servizos sociais. ONGS, asociacións e outras organizacións recórdanos a necesidade de apostar
polo gasto en desenrolo. E, aínda que en voz baixa, algunha destas institucións tamén nos
recordan que a crise non é a principal causa pola que esta a medrar a fame no mundo, nin a seca,
nin os Gobernos corruptos dos países pobres teñen moito que ver. Esas son as mentiras que nos
contan e que asimilamos como verdades para sentirnos mellor e ter a conciencia tranquila e limpa.
Esa conciencia que nos modelan ao seu gusto e conveniencia.
As causas fundamentais polas que está a medrar a fame no mundo, teñen que ver,
ademais deses mal intencionados recortes, co negocio que algúns queren facer coa alimentación.
Nos últimos anos as grandes multinacionais da agricultura e da alimentación que utilizan o terceiro
mundo como sede para as súas fábricas e plantacións, multiplicaron por dez o seu volume de
negocio. Especulan co prezo dos produtos básicos, negocian cos prezos nas bolsas coma se
estiveramos a falar de ouro, de cobre ou de accións dalgunha empresa. Estanse a enriquecer.
Chegamos a un punto ao que no “Primeiro mundo” só gastamos un de cada 6 euros en
alimentación, mentres que nos países en vías de desenrolo ou subdesenvolvidos gastan, polo
menos, 5 de cada 6 euros en alimentación. Mentres segan loitando só por poder comer, nunca
poderán saír da miseria na que están metidos; e precisamente esas grandes corporacións que
utilizan os recursos destes países para que nos cheguen os alimentos baratos ao “Primeiro
mundo”, mentres a eles se lles encarecen, pertencen a grupos que son os que premen aos
gobernos para que fagan recortes e recortes.
Que ninguén dubide que, entre estes recortes que estamos a vivir e a sufrir, hai catro que
están encontrando a abundancia na que quixeran nadar. Esa é a trampa, ¿Porqué ninguén
plántea solucionar os problemas do mundo invocando outro mantra? GASTAR, GASTAR,
GASTAR …., que non dilapidar. Aínda que dicilo sexa politicamente incorrecto.
Santiago Crespo Pérez

Exit mobile version