Site icon Crónica3.com A Mariña

O portavoz nacionalista no Congreso dos Deputados chama a apostar polo BNG para que A Mariña non pague a crise

Nota de prensa

Veiga incide que Galiza existiu en Madrid pola presenza do nacionalismo.

Jorquera chama a apostar polo BNG para que A Mariña non pague a crise.

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, compareceu hoxe en Mondoñedo, acompañado de Candidatos do BNG pola Mariña ás Cortes Xerais e de membros do Goberno de Mondoñedo, no marco dunha visita a diferentes lugares da Mariña, para dar dar conta do que significou a a lexislatura que rematou para a nosa Comarca.

Antonio Veiga, portavoz comarcal do BNG e Vicepresidente da Deputación, que introduciu a Jorquera indicou que “non é casual que escolleramos esta praza da área do Mosteiro de Alcantara, un espazo que foi recuperado cun investimento realizado polo Estado a raíz dunha proposta do BNG, para render contas da lexislatura que rematou. Unha lexislatura que evidenciou outra vez que A Mariña tivo voz pola representación do nacionalismo en Madrid, abonda como mostra, que os deputados e senadores do BNG, ningún deles electos pola circuscrición de Lugo presentaron máis iniciativas, que o resto dos representantes galegos”. O Portavoz Comarcal do BNG lembrou que “ render contas sobre o traballo feito é unha obriga de calquera representante público e non e casual que só o BNG este a realizar ese exercicio diante da poboación da Mariña porque os representantes das outras forzas nin estiveron nin fixeron. Tanto é así que só os nacionalistas mantivemos interlocución directa cos axentes sociais da zona, desde o movemento cooperativo agrario ao sector pesqueiro ou Comités de Empresa como de Alcoa.” O Vicepresidente da Deputación rematou a súa intervención reclamando que “é hora que A Mariña e Lugo teña representación de seu, que nunca isto fora tan posíbel, polo que chegou o momento de acadar representación do nacionalismo por Lugo”.

Francisco Jorquera, portavoz do BNG no Congreso dos Deputados e que volve a encabezar a lista nacionalista por A Coruña, comezou destacando que “non houbo asunto referido A Mariña no ámbito das competencias da Admistradción Xeral do Estado que non fose obxecto da nosa atención tanto na acción parlamentaria como no debate orzamentario até o punto de que conseguimos ampliar en preto de 8 millóns de Euros os investimentos na Comarca, e xa que logo con esas cantidades permitir que se executasen obras como a urbanización do entorno do Mosteiro de Alcantara ou as Obras de Mellora da Praza do Seminario e da Fonte Vella en Mondoñedo, a Recuperación das ribeiras do Rio Torto nas Rodrígas e a rehabilitación de vivendas para a súa utilización como VPP en Riotorto sen esquecer a recuperación da antiga fabrica de Algas e do entorno da Vilavella en Ribadeo”.

O candidato nacionalista que definiu a practica do BNG nas Cortes como “unha aposta polos sectores produtivos básicos promovendo acordos parlamentarios contra a redución das cotas da pescada ou da xarda a petición do sector pesqueiro da Mariña ou defendendo unha nova política de prezos para o complexo agrogandeiro coa constitución dunha Comisión no Senado para analizar os mesmos nos que participou o movemento cooperativo da Mariña”, destacou tamén o traballo realizado para paliar o déficit que en materia de infraestruturas ten a zona referindo propostas “para a axilización e impulso ao remate da A-8, a construción da Autovía Barreiros – San Cibrao, aínda sen proxecto a pesar dos acordos unánimes nese sentido, o acceso central a Ribadeo desde A-8, a terminal de carga de mercadorías ferroviarias en Alcoa e no polígono de Ribadeo ou a liberalización do dique norte de Alcoa, reivindicación histórica da nosa Comarca, que a pesar de ser aprobada por unanimidade segue a día de hoxe sen ser executada”.

Francisco Jorquera rematou a súa comparecencia indicando que “nun momento coma este, no que a crise está a ser xestionada para operar como elemento que xera desigualdades entre persoas e territorios é máis necesario que nunca unha forza coma o BNG se non queremos que sexa Galiza e as súas maiorías sociais quen paguen a factura da mesma. É, polo tanto, o momento de apostar polo BNG, que é o mesmo que apostar pola creación do emprego, cunha economía ao servizo das persoas e non do grande capital, que é o mesmo que apostar, pola vertebración territorial da Mariña, rematando a súa rede viaria, é particularmente poñendo en marcha un sistema de cercanías ferroviaria entre Vicedo e Ribadeo, e que é o mesmo que apostar, pola apertura do dique norte do porto de Alcoa, que significa a efectos prácticos a creación de preto de 400 empregos directos”.

Exit mobile version