Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP asegura que o único representante do BNG aínda non tomou posesión en Portos de Galiza

Nota de prensa:
O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular asegura que aos nacionalistas “toda a forza váiselles pola boca”

BALSEIRO OROL: “ANTÓN VEIGA (BNG) É O ÚNICO MEMBRO DO CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN DE PORTOS DE GALICIA QUE AÍNDA NON TOMOU POSESIÓN”

“Chama a atención que pese a euforia coa que acolleu o seu nomeamento como integrante deste órgano en representación da Deputación de Lugo e a urxencia coa que pretendía realizar as súas reivindicacións sexa o único membro do Consello de Administración que non asistiu á ultima xuntanza convocada” segundo Balseiro Orol

Santiago, 21 de outubro de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, vén de facer público que Antón Veiga, vicepresidente nacionalista da Deputación provincial de Lugo é o único membro do Consello de Administración de Portos de Galicia que aínda non tomou posesión do seu cargo, xa que non asistiu á primeira xuntanza convocada despois da súa designación como membro deste órgano.

Ao deputado popular, Jose Manuel Balseiro, chámalle a atención que pese a euforia coa que o representante nacionalista acolleu a súa designación como membro do Consello de Administración do ente público portuario galego -en representación da Deputación de Lugo- e apesar tamén da urxencia coa que pretendía realizar moi distintas reivindicacións, Antón Veiga decidira non asistir á xuntanza, amosando que na realidade os nacionalistas teñen nulo interese por estes asuntos e que as súas propostas so responden a promesas e propagandas pre-electorais.

Lembremos que o propio Antón Veiga aseguraba a pasada fin de semana en distintos medios de comunicación que iba a solicitar, cando tivera lugar a reunión do Consello de Administración de Portos de Galicia, un cambio na estrutura directiva da autoridade portuaria Ferrol-San Ciprián para conseguir unha maior representación da provincia lucense. Con todo, esta petición non debe ser tan urxente para os nacionalistas tendo en conta a súa falta de asistencia á primeira das reunións convocadas.

CONTRADICIÓNS NACIONALISTAS

Balseiro concluíu que este comportamento demostra que aos nacionalistas “toda a forza váiselles pola boca” e que as súas propostas respecto da xestión dos portos galegos non son prioridades reais. O deputado popular sinala, que esta non é a primeira vez que no BNG incurren en contradicións e, e recorda que mentres que agora prometen a apertura do dique norte de Morás ao tráfico comercial xeral, cando gobernaron en Galicia –na Xunta bipartita- anularon o cinto industrial Cervo-Xove que reservaba os terreos necesarios para que futuras empresas puideran instalarse alí e facer uso deste novo porto de mercadorías.

Exit mobile version