Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela retira apoios á banda de música e xestióna pesimamente a Escola Municipal de Música, asegura o BNG

pesimamente
Nota de prensa

O PP de Burela retira apoios á Banda de Música e leva a cabo unha pésima xestión da Escola Municipal de Música

O Grupo Municipal do PP de Burela vén de aprobar no pleno extraordinario celebrado o pasado mércores unha serie de modificacións nas taxas fiscais municipais entre as que se encontra a supresión da exención do pagamento de matrícula na Escola de Música de Burela para os “membros activos da banda”. Ata o de agora, os rapaces e rapazas que participaban activamente na Banda de Música de Burela tiñan dereito á matrícula gratuíta na Escola de Música e así se fixo durante os últimos anos atendendo á ordenanza fiscal na que se fixan as taxas por ensinanzas especiais. Esta exención da matrícula, que foi aprobada no seu día polo PP, é suprimida a día de hoxe polo mesmo partido político. O PP non ten ningún tipo de reparo en eliminar esta exención coa que se procuraba ofrecer unha axuda aos membros da banda para que puidesen acceder a unha formación musical axeitada a través da Escola Municipal de Música.

Pouco debe interesar ao PP a Banda de Música, pois, para o BNG, este non é o mellor xeito de colaborar cunha agrupación musical que, pola contra, precisa do apoio total e absoluto por parte do Concello de Burela. A eliminación destas axudas para a formación dos rapaces e rapazas que integran a banda é unha nefasta decisión que pode traer graves consecuencias para a agrupación. O PP, con esta medida, incumpre o seu propio programa electoral pois contemplaba como unha das medidas de goberno o “apoio á Banda de Música”. De todos os xeitos, a falta de compromiso e a demagoxia do PP non é algo que nos colla por sorpresa pois dixeron aos veciños e veciñas que non ían subir os impostos e en só catro meses de goberno están a facer todo o contrario: eliminan axudas, incrementan impostos e crean outros novos.

Por outra banda, o PP de Burela está a levar a cabo unha xestión irresponsable na Escola de Música. Tras un mes do comezo do curso académico, aínda existen alumnos e alumnas que non están a recibir clases por unha suposta falta de profesorado. O PP vén de facer pública a convocatoria pola que se van seleccionar dous profesores para a Escola de Música, segundo din, para “ampliar a oferta educativa” do centro. Resulta curioso que se queiran contratar agora profesores para especialidades que xa se estaban impartindo. Terán que explicar entón se van quitar horas ao profesorado actual para darllas a outros que se van contratar e de ser así terán que xustificar esta decisión. Así entende a xestión eficiente e austera o goberno municioal do PP: suprimindo servizos, desaproveitando recursos humanos existentes e malgastando irresponsablemente os cartos de todos e todas.

Exit mobile version