Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide agora que o goberno galego inclúa unha partida nos orzamentos para o dragar o esquecido porto de Foz

A través desta iniciativa, o Grupo Parlamentario Popular vén de facerse eco dunha petición realizada nos pasados días polo alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira

BALSEIRO PROMOVE NO PARLAMENTO INCLUÍR UNHA PARTIDA EXCLUSIVA NOS ORZAMENTOS DE 2012 PARA O DRAGADO INTEGRAL DO PORTO DE FOZ

No mes de marzo xa se realizou un dragado parcial de urxencia, pese aos obstáculos protagonizados polos anteriores responsables municipais, e no próximo ano poderá completarase a retirada dos sedimentos areosos que impedían efectuar con normalidade as manobras de atraque, entrada e saída da zona portuaria.

A iniciativa, que seguirá o trámite de urxencia, será obxecto de debate na Comisión de Pesca do Parlamento e garantirá o respaldo orzamentario “suficiente” para executar esta actuación o ano próximo.

Santiago, 28 de outubro de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, vén de facerse eco dunha petición realizada nos pasados días polo alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, e rexistrou unha iniciativa na Cámara galega para pedirlle formalmente á Xunta que inclúa “unha partida orzamentaria exclusiva” destinada ao dragado integral do porto de Foz.

As contas autonómicas reflictirán de xeito expreso un dos compromisos defendidos por esta formación política, achegando o orzamento preciso “en contía suficiente” para garantir a execución destes traballos no ano próximo. O obxectivo final é conseguir que os usuarios das distintas embarcacións poidan efectuar con normalidade as manobras de atraque, entrada e saída da zona portuaria de Foz, sen risco algún de varada.

A iniciativa parlamentaria que se rexistrou polo trámite de urxencia, será obxecto de debate en vindeiras sesións da Comisión de Pesca da Cámara galega e tanto Xunta e Grupo Parlamentario Popular buscarán logo o xeito máis acaído de incorporala nos orzamentos autonómicos, que con toda probabilidade serán aprobados no mes de decembro.

SOLUCIÓN DEFINITIVA

Jose Manuel Balseiro lembra na exposición de motivos do texto que durante os últimos anos a acumulación de sedimentos e os intensos temporais provocaron unha evidente falta de calado do porto de Foz que limita a actividade dos sectores pesqueiro e recreativo desta localidade lucense. A devandita situación xa obrigou ao ente público autonómico Portos de Galicia a executar o pasado mes de marzo unha actuación urxente consistente no dragado parcial da entrada e saída do estuario.

Con todo, desde a administración autonómica sempre se defendeu que para solucionar esta problemática de xeito definitivo era preciso desenvolver un dragado integral, precisamente a actuación que, unha vez aprobada esta iniciativa, contará co respaldo orzamentario expreso nas contas da Xunta para 2012.

O deputado popular tamén lamentou que, pese a que a problemática respecto da falta de calado desta zona portuaria “non é nova, senón que vén de atrás”, os anteriores responsables autonómicos do bipartito e o anterior goberno local nunca tiveran acometido estes traballos. Balseiro Orol lembrou que a actual Xunta, incluso cando pretendeu levar adiante o dragado de urxencia, atopouse coa falta de colaboración institucional tanto do Concello como do departamento de Costas do Estado, daquela en mans socialistas. Afortudamente o cambio de Goberno “propiciou tamén un cambio de atitude e de vontade” e será o PP quen desde a Xunta actual e desde a nova alcaldía fagan realidade esta promesa e esta vella reivindicación dos veciños e usuarios do porto de Foz.

Exit mobile version