Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP quere unha área de rehabilitación integral para O Celeiriño

Nota de prensa

Debate promovido polo deputado popular Jose Manuel Balseiro na Comisión de Obras Públicas, Ordenación do Territorio, Medio Ambiente e Servizos

O GRUPO POPULAR PEDIRÁ NO PARLAMENTO QUE O CONCELLO DE VIVEIRO SOLICITE FORMALMENTE A DECLARACIÓN DUNHA ÁREA DE REHABILITACIÓN INTEGRAL PARA O CELEIRIÑO

Deste xeito os propietarios das vivendas afectadas poderán acceder non so ás axudas financiadas pola Xunta de Galicia senón tamén ás do Estado, ao tempo que facilitaría ao concello facer obras de mellora, urbanización e reurbanización do barrio, tamén con axudas autonómicas e estatais.

Reclama tamén o cumprimento do acordo do seu pleno municipal aprobado por unanimidade o 28 de setembro de 2009, no que a Alcaldía comprometíase a emprender as accións xudiciais para obter as indemnizacións oportunas dos causantes dos danos. Respecto deste punto cómpre lembrar que o Presidente do IGVS indicou que a Xunta aínda non teñen constancia de que o Concello teña iniciado esta reclamación ante os tribunais.

Inexplicablemente o PSOE rexistrou unha emenda na que incorre nos mesmos erros que o pasado: propón un estudo de danos que tres anos despois xa debera terse elaborado e que Balseiro cualifica como maniobra dilatoria e reclama as axudas comprometidas no seu día pola Xunta bipartita que son legalmente inaplicables.

Á Mesa do Parlamento

O Grupo Parlamentario Popular de Galicia, a través do seu Portavoz, e a iniciativa dos seus deputados José Manuel Balseiro Orol e Jaime Castiñeiras Broz ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara presentan, ante esa Mesa, a seguinte Proposición non de lei para o seu debate en Comisión.
Exposición de motivos

En outono do ano 2008 os veciños do barrio do Celeiriño, sito no concello lucense de Viveiro, observaron como a medida de que crecía un gran burato na cimentación dun bloque de vivendas contiguo, os seus fogares sufrían danos, gretas, roturas nas súas estruturas, ata chegar a unha situación de risco cerco de derrubo que obrigou á evacuación de moitas das vivendas deste barrio e ao reacollo dos seus propietarios.

Os devanditos danos parecen ser consecuencia directa das obras de construción dun edificio con garaxes e dun muro de contención executadas nun solar contiguo ás vivendas afectadas. A edificación contaba cunha licenza outorgada pola Xunta de Goberno Local, baixo a presidencia do alcalde socialista Melchor Roel, todo a pesar de que se suscitaban dúbidas sobre a idoneidade dos traballos executados, a súa adecuación coa legalidade urbanística e respecto do rigor co que o Concello efectuou a vixilancia e seguimento das obras de edificación, que levaron ao derrube de practicamente todo un barrio.

Tres anos despois do acontecido moitos dos veciños desaloxados están á espera de volver ás súas vivendas -aqueles que así poidan facelo-. Esta situación de pendencia produce un lóxico desacougo entre a veciñanza e respecto do futuro das vivendas en risco de derrube.

O Goberno galego vén de ofrecer en múltiples ocasións a súa máxima disposición a colaborar co Concello de Viveiro e con outras administracións na procura dunha solución a estes problemas. O Instituto Galego de Vivenda e Solo xa indicou que a solución máis acaída é a declaración dunha área de rehabilitación integral, cuxa solicitude debe presentar o Concello.

Esta declaración da ARI permitiría aos propietarios das vivendas do Celeiriño acceder non so ás axudas financiadas pola Xunta de Galicia senón tamén ás do Estado, ao tempo que permitiría ao concello de Viveiro facer obras de mellora, urbanización e reurbanización do barrio tamén con axudas autonómicas e estatais.

A normativa que rexe á declaración de áreas de rehabilitación, figura incluída no Plan de Vivenda, indica que a declaración é competencia da Xunta de Galicia, pero que corresponde ao concello presentar previamente a solicitude de declaración. Polo momento, e segundo ten transcendido, o IGVS non recibiu solicitude algunha do concello de Viveiro respecto da declaración da área de rehabilitación do Celeriño, nin tampouco ningún tipo de axuda configurada dentro do programa de Cédula de Rehabilitación.

Tampouco existe constancia do cumprimento, por parte do Concello de Viveiro, do acordo do seu Pleno Municipal que, aprobado por unanimidade o 28 de setembro de 2009 obrigaba á Álcaldía a “emprender as accións legais e aboar ó IGVS o importe da indemnización que no seu caso se perciba por parte dos causantes dos danos, co límite dos importes aboados con cargo aos presupostos da Comunidade Autónoma ao amparo da declaración de emerxencia do Barrio do Celeiriño”..

O Grupo Parlamentario Popular considera que situación descrita obriga a desenvolver todas as xestións que se estimen oportunas para dar solución ás problemáticas xurdidas e todas aquelas que permitan achegar as axudas máis acaídas coa legalidade vixente e máis vantasoxas para os veciños.

Polo exposto con anterioridade o Grupo Parlamentario Popular somete á consideración da Cámara a seguinte PROPOSICIÓN NON DE LEI EN COMISIÓN

Acordo a adoptar:

O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Concello de Viveiro (Lugo) co obxecto de requirirlle que:

PRIMEIRO.- Solicite a declaración dunha área de rehabilitación integral (ARI) para o barrio do Celeiriño, achegando a documentación oportuna, o que permitiría aos propietarios das vivendas afectadas acceder non so ás axudas financiadas pola Xunta de Galicia senón tamén ás do Estado, ao tempo que facilitaría ao concello de Viveiro facer obras de mellora, urbanización e reurbanización do barrio, tamén con axudas autonómicas e estatais.

SEGUNDO.- Dea cumprimento, de non telo feito ata o momento, ao acordo do seu pleno municipal aprobado por unanimidade o 28 de setembro de 2009, e que lle obriga a emprender as accións xudiciais para obter as indemnizacións oportunas dos causantes dos danos.

Exit mobile version