Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP recoñece un descenso do 5% nas axudas do plan concertado e que as subvencións para axuda no fogar para persoas dependentes non chegaron a todos os concellos

Nota de prensa

A voceira de Benestar, Marta Rodríguez, salienta que o actual Goberno galego axilizou o abono destas axudas e a día de hoxe a gran maioría dos concellos xa recibiu as subvencións deste ano correspondentes á axuda no fogar para persoas dependentes

O PP ACUSA Á OPOSICIÓN DE “ENGANAR AOS CIDADÁNS” COAS AXUDAS DO PLAN CONCERTADO, XA QUE O SEU DESCENSO LIMÍTASE AO 5% MOTIVADO POLOS RECORTES DO GOBERNO CENTRAL

“A minoración en ningún caso afectou ás axudas concedidas dentro do programa de axuda no fogar para persoas dependentes, que mantivo o seu orzamento inicial de 23 millóns de euros”, explicou

O último recorte acometido polo Goberno central data de principios do presente ano 2011, cando rebaixou a axuda do Plan Concertado un 10 por cento e a axuda para o Plan de Desenvolvemento Xitano nun 12 por cento

Santiago, 27 de outubro de 2011.- A voceira de Benestar do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, acusou hoxe aos grupos da oposición de “estar enganando aos cidadáns galegos coas súas afirmacións sobre as axudas do Plan Concertado, xa que é absolutamente falso que baixara un 80 por cento e o descenso do 5 por cento débese aos recortes realizados polo Goberno central e que padecemos todas as comunidades autónomas”. “Pola contra, o actual Goberno galego axilizou o abono destas axudas aos concellos e a día de hoxe a gran maioría xa recibiu as subvencións correspondentes ao presente ano, cando co anterior goberno bipartito o pago facíase como moi pronto no mes de decembro e, en moitos casos, co ano vencido”, indicou.

Marta Rodríguez salientou que “a minoración en ningún caso afectou ás axudas concedidas dentro do programa de axuda no fogar para persoas dependentes, que mantivo o seu orzamento inicial de 23 millóns de euros co obxectivo de dar cobertura a todos os seus usuarios”.

“A señora Sestayo erra unha vez máis nas súas críticas á Xunta de Galicia, xa que as súas reprimendas debería dirixilas cara ao Goberno central socialista que ven recortando o financiamento do Plan Concertado desde hai varios anos”, manifestou a voceira popular. Neste sentido, recordou que “o último recorte foi acometido a principios do presente ano 2011, cando rebaixou a axuda do Plan Concertado un 10 por cento e a axuda para o Plan de Desenvolvemento Xitano nun 12 por cento”.

APLICACIÓN INFORMÁTICA INNOVADORA

A voceira de Benestar do Grupo Popular salientou “o esforzo que está a facer a Xunta de Galicia para atender todas as demandas dos usuarios dos servicios sociais comunitarios, priorizando, como non pode ser doutro xeito, as axudas dirixidas a atención no fogar das persoas dependentes, ademais de axilizar o abono dos importes que corresponden a cada concello”. “Este mesmo ano, seguindo a súa liña de facilitar e axilizar o abono destas axudas, o Goberno galego puxo a disposición dos concellos unha aplicación informática para facilitar a tramitación destas subvencións e conseguir reducir o prazo para cumprimentar toda a documentación necesaria”, apuntou.

“Esta situación actual contrasta coa vivida polos concellos galegos na etapa do bipartito, cando as axudas correspondentes aos anos 2007 e 2008 as recibiron en xaneiro do ano seguinte e supoñía un afogo para as economías municipais”, recordou a voceira popular. Así mesmo, anotou que, “a día de hoxe, o 70 por cento dos concellos xa recibiron o pagamento do servicio de axuda no fogar para dependentes e o resto farano nas vindeiras semanas”.

Exit mobile version