Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo espera que sexa realidade o cuarto anuncia de ampliación do pavillón de Galdín

Nota de prensa:

XUNTA E CONCELLO ANUNCIAN POR CUARTA VEZ A AMPLIACIÓN DO PAVILLÓN DE GALDÍN, OS SOCIALISTAS ESPERAN QUE SEXA POR FIN REALIDADE

-Dende o GMS queren confiar en “que esta noticia non se converta nunha promesa electoralista do Partido Popular, que teña como fondo as vindeiras eleccións do mes de novembro”

-Levan prometendo as obras dende 2009, “isto xa parece unha tomadura de pelo”. Os populares demostraron “a falta de interese que teñen polas familias e os nenos de Cervo”

CERVO, 21 DE OUTUBRO. Os membros do Grupo Municipal Socialista esperan que o último anuncio da Xunta de Galicia sobre a ampliación do polideportivo do CEIP Nº1 de Cervo sexa por fin unha realidade, “levamos catro anuncios en dous anos e os nenos e nenas de Cervo seguen esperando polo pavillón prometido. Tanto o alcalde, Alfonso Villares, como a delegada provincial da Xunta de Galicia, Raquel Arias, aseguraron que as obras estarán rematadas nos primeiros meses do vindeiro ano 2012. Despois de tres cursos académicos sen as instalacións adecuadas, agardamos que os alumnos poidan disfrutar do pavillón antes de rematar este ano”.

Dende que deciden unificar os dous colexios de Cervo no CEIP Nº1, “era necesario adaptar e dotar a este último cos servizos necesarios en relación ó número de alumnos que ía acoller. Queremos confiar en que esta boa noticia non se converta nunha promesa electoralista do Partido Popular, que teña como fondo as vindeiras eleccións do mes de novembro”.

Os populares levan anunciando a obra de ampliación do polideportivo de Galdín dende o mes de setembro do ano 2009. Dende o GMS lembran que “primeiro, foi o alcalde quen comunicou o seu compromiso e máis tarde, en xuño do ano pasado, o Conselleiro de Educación anticipaba que os nenos iniciarían o curso 2010-2011 co novo pavillón rematado. O terceiro intento de mentir ós veciños de Cervo, foi protagonizado pola delegada provincial da Xunta, Raquel Arias, no mes de xuño deste mesmo ano e agora volven anunciar a licitación das obras. Xa son catro anuncios en dous anos, pero as obras aínda non comezaron”. Neste senso, subliñan que “isto xa parece unha tomadura de pelo a tódolos veciños”.

Os socialistas aseguran que a día de hoxe “o centro non dispón dun pavillón axeitado para albergar a toda a comunidade educativa. Son moitos máis os nenos que cursan estudos no centro, pero seguen utilizando as mesmas instalacións. Tanto o señor Villares como a Xunta de Galicia demostraron nestes últimos anos cales son as súas prioridades e a falta de interese que teñen polas familias e os nenos e nenas de Cervo”.

Exit mobile version