Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo explica que a vagancia e a inoperancia son as liñas de goberno do PP

Nota de prensa

A VAGANCIA E A INOPERANCIA SON AS LIÑAS PREDOMINANTES DO GOBERNO POPULAR DESPOIS DE MÁIS DE 100 DÍAS DE MANDATO

-Mostra da desidia do señor alcalde é que “pasados tres meses, imos celebrar o primeiro pleno, cando tiñamos que ter asistido alomenos a outros dous”

-Suprimiron as Comisións Informativas e aumentaron as Xuntas de Goberno, “unha maneira fácil de disfrazar os ingresos dos concelleiros do PP que non teñen ningunha dedicación, nin exclusiva nin parcial”

CERVO, 11 DE OUTUBRO. O goberno que preside o noso alcalde, Alfonso Villares, cumpriu xa 100 días dende que se conformou a nova corporación. Os socialistas, tras facer un primeiro balance destes tres primeiros meses de mandato popular, aseguran que no Concello de Cervo “seguimos coa mesma actitude dos últimos catro anos, as liñas predominantes son a vagancia do alcalde e a consecuente inoperancia do seu equipo de goberno”.

Neste senso, dende o Grupo Municipal Socialista subliñan que “pasados máis de tres meses, imos celebrar o primeiro pleno, cando xa tiñamos que ter presenciado alomenos outros dous, un en xullo e outro en setembro. Unha mostra máis da desidia do señor Villares”.

Os socialistas ademais de botar de falta a celebración dos plenos din que “a última novidade do rexedor é a supresión das Comisións Informativas de asuntos dos plenos, Comisións que non son obrigatorias en ningún caso pero que sí se celebraban na anterior lexislatura. Non entendemos por qué agora non se convocan, a non ser que o señor Villares teña poucas ganas de traballar ou non teña interese de informar dos temas municipais ó resto da corporación. Lamentablemente, témonos que enterar destes asuntos pola prensa”.

Por unha banda, vemos como se suprimen as Comisións Informativas e pola contra aumentan, iso sí, o número de Xuntas de Goberno. Os membros do Grupo Socialista destacan que “dá a casualidade que ás Xuntas de Goberno só asisten os concelleiros do Partido Popular, entre eles, dous que só cobran por asistencia a estas Xuntas. Unha maneira fácil de disfrazar outras dúas dedicacións parciais, pois sería demasiado escandaloso permitir abertamente, nun concello duns 4.500 habitantes, unha dedicación exclusiva, cinco parciais e o salario dun asesor de goberno. Pero a nós non se nos engaña e tampouco imos permitir que os veciños ignoren estes asuntos do día a día do seu Concello. Esixímoslle a este goberno máis claridade, traballo e interese polos temas municipais, que a partir de agora mostre un esforzo moito maior para conseguir nestes catro anos o que non se logrou ata o día de hoxe.”

Exit mobile version