Site icon Crónica3.com A Mariña

O rescate bancario e as indemnizacións millonarias

O RESCATE BANCARIO E AS INDEMNIZACIÓNS MILLONARIAS

Estes días estase a falar na prensa de un novo rescate ou recapitalización dos bancos. Mesmo Merkel e Sarkozy xa están a discutir a forma en como levalo a cabo.

Merkel defende que primeiro deben de acudir a inversores particulares, despois pedir axuda ao país de orixe e por último ao Banco Central Europeo, mentres que Sarkozy é partidario da intervención do Banco Central europeo dende o primeiro momento.

É curioso o tema das axudas á banca. É realmente curioso como os dirixentes públicos elixidos democraticamente, toman decisións de axudar con cartos públicos aos bancos, que non deixan de ser empresas privadas con ánimo de lucro e que se dedican a especular con cartos alleos.

Así pódese dar o caso de que un cidadán ve como cos impostos que el paga se está a axudar ao banco que lle está a embargar o piso, mentres que el non recibe ningún tipo de axuda.

Aínda que se poda defender como algo legal, non deixa de ser inxusto, inhumano e moralmente indefendible. Son as contradicións que en ocasións ten a lei nas que o legal non e o xusto, nin o máis recomendable.

Outro tema do que se pode falar en relación á banca son as indemnizacións millonarias que reciben algúns directivos cando se retiran, como ocorre no caso da caixa galega.

É curioso ver como os partidos políticos se están a votar a culpa uns a outros, cando todos eles teñen representantes no consello de administración, e ningún deles dixo esta boca e miña ata que o tema saíu na prensa.

Ningún deles denunciou, nin recorreu os acordos do Consello de Administración ata que a prensa se fixo eco das cifras.

Estamos como no caso anterior. Aínda que se poda defender como algo legal, non deixa de ser inxusto e moralmente indefendible.

Eu considero que o Banco de España non pode aceptar estas indemnizacións, e menos cando estas persoas levaron os bancos a situación que están a sufrir.

Tampouco os membros do Consello de Administración deberían aprobar estes acordos, pero claro eles apóianos para que estas persoas se marchen e quedar eles ao fronte da institución.

O que se debería facer é pedirlle responsabilidade ao Consello de Administración da situación actual do banco, e que teñan que responder mesmo co seu patrimonio persoal, e non premiarlles a súa incompetencia.

Exit mobile version