Site icon Crónica3.com A Mariña

O vicepresidente da Deputación insta a Xunta a que non aprobe un ERE na empresa Móbeis Hermida

Nota de prensa

O Vicepresidente da Deputación solicita unha mudanza nas políticas económicas para que os traballadores non paguen a crise.

Veiga insta a Xunta a que non aprobe o ERE de Móbeis Hermida.

O Vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, que participou na manifestación convocada polos traballadores de Móbeis Hermida en defensa do emprego e en oposición ao ERE que ten previsto levar adiante a empresa para reducir a súa plantilla en 100 traballadores expresou “ a solidariedade persoal e a oposición máis rotunda a unha decisión que non só significa un drama de primeira magnitude para os traballadores que ven como corre perigo o seu emprego senón que significa tamén que unha empresa clave para a Comarca, na medida que fecha un ciclo produtivo, poida desaparecer a curto prazo”.

O nacionalista demandou da Xunta de Galiza “unha oposición ao ERE de extinción que ven de plantexar o grupo de Lourenzá, posto que o futuro desas 100 familias pero tamén de Lourenzá está a día de hoxe en mans da Xunta. Somos conscientes das dificultades que nesta altura está a pasar o sector do móbel, tanto pola situación de crise pero de xeito particular pola dependencia existente do sector do móbel e da construción, agora ben hai outras formulas que permiten compatibilizar o futuro da empresa co emprego e en ningún caso este pode pasar por facer cargar aos traballadores co custe da crise”.

Antonio Veiga indicou que “ xa está claro que se agochaba tras a reforma laboral que no seu momento pactaron populares e socialistas, reducindo as indemnización por despido e anos traballado, e esta claro que tras a mesma non estaba a preocupación por solucionar o problema do paro como afirmaban senón abaratar o despido, para pasarlle a factura da crise aos traballadores. Nos non imos tolerar que sexan as maiorías sociais quen paguen a factura dunhas políticas económicas deseñadas polo capital e executadas polos seus capataces no Goberno da Xunta e do Estado e por iso urxe unhas novas políticas onde a economía estea ao servizo das persoas e de xeito moi concreto da creación do emprego”.

Xa por último o Vicepresidente da Deputación, expresou que “ a xestión da crise que se está a facer por parte da Xunta e do Goberno do Estado, non fai máis que provocar desemprego, precarizar as condicións laborais e económicas das maiorías socias e tamén afondar nun empeoramento da situación económica. Ou somos quen de darlle un xiro as políticas económicas que se levaron adiante desde o inicio da crise ou a situación só pode empeorar. Tanto é así que estamos convencidos que feitos como este non son máis que a punto do iceber do que vai caer na comarca, onde todos os dados indican un horizonte de aumento das taxas de desocupados, de novos eres e mesmo de procesos concursais”.

Exit mobile version