Site icon Crónica3.com A Mariña

Os orzamentos da Xunta seguen sen incluír ningunha partida específica para o saneamento en San Cibrao nin para o dragado da presa de Rúa, asegura o BNG

Nota de prensa

CERVO

OS ORZAMENTOS DA XUNTA PARA 2012 SEGUEN SEN INCLUÍR NINGUNHA PARTIDA ESPECÍFICA PARA REMATAR O SANEAMENTO EN SAN CIBRAO NIN PARA O DRAGADO DA PRESA DE RÚA

Nin o porto deportivo nin a goleta ou o traiñón aparecen nos orzamentos de Portos de Galiza para 2012 polo que os compromisos de Balseiro son papel mollado.

Os nacionalistas lémbranlle a Balseiro que a súa iniciativa para o resgardo de embarcacións en inverno no porto de San Cibrao non concretaba datas de actuación nin cuberta até que o BNG mediante unha emenda deu concreción a estes puntos.

Cervo, 28 de outubro de 2011. O BNG de Cervo analizou os orzamentos da Xunta para 2012 onde botan en falta investimentos concretos para a execución do emisario submarino para rematar a obra de saneamento en San Cibrao, tampouco sen ven por ningures partidas específicas para cumprir as promesas electorais de Balseiro e Portos de Galiza en relación ao porto deportivo, a goleta ou o traiñón que foran comprometidos para o 2012. Os nacionalistas celebran a existencia dunha partida para o Conxunto Histórico de Sargadelos pero instan ao goberno municipal e á Xunta a aprobar o Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico de Sargadelos para non comprometer o futuro do conxunto histórico con ocorrencias de última hora.

En Cervo pagaremos a auga mais cara pola falta de compromiso do goberno local e a negativa da Xunta a executar o dragado da presa de Rúa.

O portavoz municipal do BNG Xoán Antón Estúa, lembrou que o pleno municipal de Cervo aprobou por unanimidade instar á Xunta a executar o dragado da presa de Rúa xa no ano pasado e presentou unha emenda aos orzamentos 2011 que obtivo o voto contrario do Sr. Balseiro, neste ano a Xunta segue sen prever ningunha partida específica para esta obra e o concello non compensa con fondos propios os gastos de xestión mentres os veciños de Cervo pagarán as consecuencias cunha suba do 41% no prezo da auga.

San Cibrao seguirá vertendo ao mar augas residuais sen depurar mentres a Xunta non cumpra a súa parte da actuación executando o emisario submarino.

Na mesma liña o nacionalista botou en falta nos orzamentos 2012 algunha partida para executar o emisario submarino para rematar as obras da EDAR de San Cibrao que seguirá vertendo ao mar as augas residuais sen depurar. Estúa lembrou que o conxunto das obras de saneamento en San Cibrao están executadas sen que a Xunta puxera un só euro, só falta que cumpran coa súa parte financiando a construción do emisario submarino, mentres tanto seguiremos igual que estabamos.

A iniciativa de Balseiro non concretaba nin prazos de actuación, nin cuberta e foi corrixida mediante unha emenda do BNG que foi aceptada.

Os nacionalistas lembráronlle a Balseiro que foi unha emenda do BNG presentada na Comisión de pesca a que concretou o remate das obras antes do fin de 2011 para o resgardo de embarcacións en terra durante a invernía, xa que a súa iniciativa nin especificaba prazos, nin cuberta para a execución desta obra no porto de San Cibrao. Estúa negou que o BNG cuestionara en ningún momento a existencia de fondos para esta obra, que é menor, pero si a insistencia de Balseiro en presentar iniciativas publicitarias que xa estaban previstas con anterioridade.

Os compromisos de Balseiro e Portos de Galiza para 2012 sobre o porto deportivo e a goleta ou o traiñón non aparece reflectidos nos orzamentos do próximo ano.

O BNG recalcou que o único que debe pedir perdón é o Sr. Balseiro “que comprometeu xunto con Portos de Galiza a construción dunha goleta que despois converteuse nun traiñón e un porto deportivo para San Cibrao diante de moitos veciños pero do dito ao feito aínda queda un longo recorrido.”

“Estúa reclamou a Balseiro que explique onde están as partidas previstas para estes investimentos ou que pida perdón por prometer sen ter asegurados os fondos económicos necesarios. O nacionalista criticou que a Balseiro váiselle a forza pola boca e despois non sabe como recompoñerse”

O BNG pide a aprobación do Plan Especial de Protección de Sargadelos para evitar ocorrencias de última hora.

O BNG pediu, tanto ao goberno como ao galego, a aprobación do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico de Sargadelos “para evitar que ocorrencias de última hora podan desperdiciar o traballo de moitos anos”, celebrou a existencia dunha partida económica nos orzamentos 2012 para o conxunto histórico pero pediu “prudencia e sentidiño” á hora de actuar.

Exit mobile version