Site icon Crónica3.com A Mariña

O pleno de Cervo acordou solicitar á Deputación que retire a multa pola presunta colocación irregular de postes

Nota de prensa:
Finalmente a iniciativa saíu adiante cos votos favorables do Partido Popular e BNG

OS SOCIALISTAS FORON OS ÚNICOS EDÍS DA CORPORACIÓN QUE NON APOIARON A PROPOSTA DO ALCALDE DE SOLICITAR Á DEPUTACIÓN QUE ESTIME O RECURSO PRESENTADO POLO CONCELLO CONTRA A IMPOSICIÓN DUNHA MULTA DE 20.000 EUROS IMPOSTA POLO ORGANISMO PROVICIAL

Os integrantes do Grupo de Goberno recordáronlle á voceira socialista e vicepresidenta da Deputación que, no caso de que non prosperar estas alegacións, será a primeira vez na historia que a Deputación de Lugo impoña unha multa a un concello da súa provincia.

Villares e Balseiro lembráronlle a Méndez que as administracións públicas “non poden sancionar actitudes” e afirmaron que os argumentos da representantes do PsdeG só fan ratificar as súas sospeitas de que existe unha persecución política contra o Concello de Cervo por parte da Deputación

Cervo, 13 de outubro de 2011.- Os dous edís socialistas de Cervo que asistiron á sesión plenaria celebrada hoxe foron os únicos integrantes da corporación municipal que non apoiaron a proposta da alcaldía que pedía á Deputación que estime o recurso presentado polo Concello contra a imposición dunha multa de 20.000 euros pola presunta colocación irregular de varios postes xunto a unha vía provincial durante as obras do saneamento do burgo da Senra. A pesares deste posicionamento (abstivéronse) a iniciativa saíu adiante co apoio dos grupos municipais do Partido Popular e BNG.

Na proposta, o alcalde, Alfonso Villares, insta á institución que preside Gómez Besteiro a anular a sanción e espera que se atenda o recurso de reposición presentado polo Concello. Considera que existe “unha desproporcionalidade na sanción, xa que non se tivo en conta que os postes foran retirados; por existir unha defectuosa identificación da persoa responsable dos feitos que se imputa e defectuosa tipificación da infracción, así como pola vulneración do principio de proporcionalidade na imposición da sanción”. No escrito tamén se fai constar que o principal cometido das Deputacións debería ser a colaboración fluída cos concellos e achacan unha persecución política contra a cidadanía de Cervo por parte dos gobernantes provinciais.

Un caso único na historia da Deputación

O posicionamento esgrimido pola voceira socialista e membro do Goberno provincial durante a súa intervención no pleno fixo que o alcalde, Alfonso Villares, e o primeiro tenente de alcalde e parlamentario autonómico, José Manuel Balseiro se ratificaran nas súas declaracións públicas feitas en días atrás en torno á forma de proceder dos representantes políticos da institución provincial. Neste senso Villares negou ter mentido neste asunto e lembroulle á voceira do PSOE a cronoloxía dos feitos recalcando que a primeira comunicación oficial da Deputación advertindo da presunta irregularidade foi recibida no Concello o 14 de febreiro “e dous días despois convoquei unha reunión cos responsables da dirección da obra e da construción para esixirlles que se restituíra á normalidade todas as posibles anomalías causadas, como fai constar a propia Xunta de Galicia nun escrito do 25 de febreiro”.

O alcalde recalcou tamén que, no caso de que a Deputación non acepte as alegacións presentadas polo Concello, será a primeira vez que a Deputación lucense sancione a un concello da súa provincia. “É importante lembrar que si os responsables políticos da Deputación -entre os que se atopa a voceira socialista deste concello- continúan coa súa teima de impornos unha multa destas características, terán a dubidosa honra de pasar á historia por ser os primeiros en adoptar unha decisión deste tipo; xa que non existen precedentes como este, nin sequera cando eran os socialistas os que se queixaban das actitudes dos gobernos do PP na Deputación” asegurou o rexedor.

As administracións non poden sancionar actitudes

Pola súa banda, Balseiro recordoulle a Méndez que non pode obviar a súa condición de vicepresidenta da Deputación e recriminou as súas afirmacións lembrándolle que “ningunha administración é quen de sancionar tomando como base as actitudes dun alcalde”. Para o voceiro popular, a intervención de Méndez no Pleno “non fai máis que reafirman as nosas sospeitas de que a Deputación pretende facer unha persecución política contra o Concello de Cervo con esta sanción” e lembrou que o artigo 46 da Lei de Estradas de Galicia recolle que os responsables dos incumprimentos das autorizacións de traballos que afecten ás vías de comunicación serán o promotor ou o titular da obra “e neste caso o Concello non é nin promotor nin tampouco titular dos traballos en cuestión” recalcou.

Por último, ámbolos dous representantes do Grupo popular recriminaron tamén aos socialistas a súa abstención asegurando que con este posicionamento “perden unha boa oportunidade de pórse do lado da cidadanía deste concello e deixan en evidencia a súa intención de castigar aos veciños de Cervo”.

Exit mobile version